Os nacionalistas afirman que non queren polémica sobre o cambio de data de xullo para maio

A oposición felicita ó Concello polo éxito da 49 Feira do Viño

Os dous grupos municipais da oposición de Ribadavia (PP e BNG) fan unha valoración positiva da organización da 49 Feira do Viño do Ribeiro, que correu a cargo, como en edicións anteriores, do Concello e do Consello Regulador da Denominación de Orixe, e que se desenvolveu durante este pasado fin de semana.
O Partido Popular sinala que 'a volta ao mes de maio supuxo un cambio positivo posto que contribuíu a que aumentase a afluencia de público'. Por outra banda, 'valoramos positivamente as actividades paralelas, que contribuíron á exaltación do viño do Ribeiro', indicaron os populares.
O grupo do BNG coincidiu en 'expresar o recoñecemento ao traballo realizado polas institucións encargadas da organización, agradecer a tregua meteorolóxica e felicitar ás adegas e colleiteiros do Ribeiro polos viños presentados neste certame, que auguran novos pasos adiante na mellora do prestixio da Denominación de Orixe'.
Os nacionalistas insistiron en que 'evitamos desacreditar ningún evento público dos que se realizan en Ribadavia, nin alimentar polémicas estériles ao redor dos mesmos, pois estamos convencidos de que paga moito máis a pena respaldar ao sector do viño na feira e noutros ámbitos nos que se xoga día a día o futuro da nosa comarca', referíndose á volta da celebración ó mes de maio, tendo en conta que o BNG cambiara a data durante tres anos para xullo.

Te puede interesar