Xunto con alumnos, mestres e veciños, protagonizaron unha concentración no colexio público

Os pais de Castrelo rexeitan o recorte de dous profesores

Un intre da concentración diante do colexio, co alcalde, Xurxo Rodríguez, no centro. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
Unha concentración de pais, alumnos, profesores e veciños de Castrelo de Miño serviu, ó mediodía de onte, para protestar polos recortes promovidos pola Consellería de Eduación de Xunta no colexio público da localidade. No acto, ó que asistiu o alcalde do municipio, Xurxo Rodríguez Méndez, participaron máis de 100 persoas, entre as que destacaron os rapaces máis pequenos, que levaban pancartas co lema 'O futuro dos nenos non se pode recortar'.
Tra-la actividade reivindicativa, desenvolveuse no salón de actos do centro educativo unha charla informativa, na que falaron representantes da asociación de nais e pais do colexio, dos profesores e o propio rexedor. Así, suliñaron que a Consellería de Educación anunciou unha serie de recortes, que, de xeito xeral, afectan a colexios e institutos de toda Galicia, e que suporán a eliminación de 40 unidades educativas e 100 profesores, nun ataque sen precedentes ás escolas do rural da provincia de Ourense.


DÚAS AULAS

Concretamente, no caso de Castrelo de Miño, o colexio público perdería unha unidade de Educación Primaria e dous profesores, unha situación que vai supoñer que os alumnos dos seis cursos desta etapa educativa pasarían a estar agrupados en dúas únicas aulas. Nunha impartiríanse os cursos de primeiro, segundo e terceiro (nenos de 6, 7 e 8 anos) e, na outra, cuarto, quinto e sexto (nenos de 9, 10 e 11 anos).

Os representantes de pais e do profesorado indicaron que 'isto vai supoñer un grave deterioro da calidade educativa dun colexio que sempre destacou polos seus excelente resultados'. Neste sentido, Xurxo Rodríguez lembrou que no pleno extraordinario do pasado mércores foi aprobada unha moción da alcaldía en defensa do colexio, 'e para esixir á Xunta que revoque esta medida inxusta'.

O alcalde de Castrelo calificou esa postura de Educación 'coma un golpe ó medio rural, xa que se está a falar de fixar poboación nel e o que se fai é eliminar os poucos servizos que temos'. Xurxo Rodríguez engadiu que 'as xeracións que veñén detrás non van ter as mesmas oportunidades que tivemos nós, é unha clara involución'.

Te puede interesar