O pavillón de Cortegada conta con nova cuberta e luminarias

Visita de Natalia Prieto.
photo_camera Visita de Natalia Prieto.

O pavillón municipal de deportes de Cortega conta cunha nova cuberta que mellorou a eficiencia enerxética deste edificio grazas á substitución da anterior por outra con mellor illamento e das luminarias por outras de tecnoloxía led. O Goberno galego investiu preto de 108.000 euros nesta actuación a prol do confort e do aforro, a través do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, ademais de visitar o pavillón tamén estivo na Casa do Concello, onde se instalou un ascensor con unha achega da Xunta de 40.000 euros no marco da orde de infraestruturas de uso público. O obxectivo da medida é garantir a accesibilidade da cidadanía ás dependencias do primeiro andar do edificio consistorial. 

Abastecemento

Ao abeiro desta mesma liña de acción, Cortegada recibiu a maiores 29.000 euros para equipamentos destinados ao servizo de abastecemento de auga e outros 46.000 para a instalación de contadores para o depósito de Carballal e a mellora da rede de abastecemento na rúa Fermín Bouza Brey.

O investimento do Goberno galego nos últimos anos en Cortegada a través das liñas específicas de apoio ao eido local suman preto de 1,2 millóns de euros. A Xunta destinou en 2023 máis de 27,2 millóns de euros para a execución de 600 proxectos municipais.

Te puede interesar