O Ribeiro

A Ponte Freixo, entre o maltrato e o abandono

O Ribeiro

A TRIBUNA

A Ponte Freixo, entre o maltrato e o abandono

O Ponte Freixo sobre o cauce do río Arnoia. (MIGUEL ÁNGEL)
photo_cameraO Ponte Freixo sobre o cauce do río Arnoia. (MIGUEL ÁNGEL)

Chegamos ata hoxe, sen saber se é un BIC ou non, cunha restauración que rematou en 1989 e que quedou incompleta por falta de cartos

A Ponte Freixo, sobre o río Arnoia, é unha das poucas pontes romanas de Galiza que chegaron ata nós coa súa forma primixenia practicamente inalterada. A outras, caso da Ponte Vella de Ourense, a pesar da súa orixe romana, xa non podemos catalogalas así porque o seu trazado actual é froito de reedificacións medievais ou modernas que modificaron substancialmente o deseño dos romanos. Polo tanto, no territorio galego soamente se conservarían romanas, en puridade, a Ponte Bibei (Monumento Nacional desde 1931), a Ponte Pedriña (declarada Monumento Nacional en 1944 e asolagada, ao pouco tempo, no embalse das Conchas) e a Ponte Freixo, que tamén estivo ameazada polo proxecto de Fenosa de construír un gran encoro que anegaría o val do Arnoia, freado pola oposición veciñal.

O seu recoñecemento como ponte histórica chegou tarde, nos anos 70. Daquela o seu estado xa estaba moi deteriorado. Os pretís de pedra, que a mediados do século XIX aínda observara “en buen estado” un informante de Madoz, xa non existían a principios do século XX, constituíndo a ponte un perigoso paso para o gando e as xentes. Tal como recollía o xornal ourensán La Región do 15 de marzo de 1910:

“Dícesenos que al pasar, el día 12, por el puente de Freijo una caravana de ganado vacuno, procedente de la feria de Villanueva de los Infantes, las reses, que venían un tanto desbandadas, estuvieron a punto de precipitarse y precipitar a sus conductores al lecho del río. Bueno sería que se procediera al arreglo de los pretiles de aquel puente, antes de que allí ocurra una catástrofe”.

Unha carta ao mesmo xornal en agosto de 1912 volvía denunciar a lamentable “impresión que hoy produce viéndolo ser destrozado por los bárbaros e incultos transeuntes que tienen el necio placer de destruír sus antepechos”. O autor concluía a carta queixándose da incuria dos alcaldes de Cartelle e Vilanova dos Infantes, concellos que unía a ponte. En decembro de 1912, varios diarios, entre eles La Época, denunciaban a aparición na ponte de “desperfectos de consideración, que se supone causados por alguna mano criminal, que tenía el propósito de destruírlo”. En decembro de 1914, atopamos no Noticiario de Vigo a nova de que o alcalde de Cartelle informara ao gobernador civil, e este ao ministro, de que a ponte se achaba en estado “lamentable (...) corriéndose el riesgo de que de un momento a otro quede inutilizable”. Con todo, a construción doutra ponte paralela augas abaixo para a nova estrada Celanova-Barral e o pronto abandono do seu uso natural fixo que a súa conservación perdese importancia para as autoridades.

En 1977 solicitouse a súa declaración como Monumento Nacional, para o que foi remitido un informe ao Ministerio de Cultura, informe que houbo de reenviarse en 1981 ante o silencio administrativo. Ese ano derrubábase parte do pilar central. O 31 de xaneiro de 1984, o Diario Oficial de Galicia publicaba a incoación do expediente para a súa declaración como Monumento Nacional. Habilitouse unha partida de 500.000 pesetas que se empregaron nunha consolidación de urxencia do pilar central, xa que, en palabras dos enxeñeiros que a restauraron, Manuel Durán, Segundo Alvarado e Carlos Nárdiz, “a case simbólica asignación presupostaria non daba para máis”. En 1988 comezaron as verdadeiras obras de restauración e consolidación por encargo da Dirección Xeral do Patrimonio. A pesar de que a Ponte Freixo aparece normalmente citada como Monumento Histórico-Artístico ou Ben de Interese Cultural (BIC), mesmo polo Concello de Celanova, non nos consta a resolución oficial do expediente de 1984 coma tampouco aparece o seu nome na relación de Bens de Interese Cultural da Xunta de Galicia que se pode consultar na internet. 

Así chegamos ata hoxe, sen saber se é un BIC ou non, cunha restauración que rematou en 1989 e que quedou incompleta por falta de cartos, deixando por defensa unha varanda tan provisional como a madeira da que foi feita e unha “calzada” descontinua de cemento e grava, á espera de novas inversións que non chegan. Ademais do paso do tempo, que fixo medrar a vexetación entre as pedras e deteriorou considerablemente a madeira, a ponte foi obxecto, nestes últimos anos, de todo tipo de agresións: a “desaparición” dunha placa e parte da varanda provisional, a “aparición” dunha pintada... O pobo de Freixo leva anos denunciando esta situación de deterioro, este verán mesmo diante das cámaras da TVG. Igual que hai cen anos, é a xente a que ten que mirar polo seu patrimonio, unha actitude que contrasta co abandono (case prevaricador) e o maltrato (por acción e omisión) que sofren por parte das administracións. O patrimonio e a xente.

Más en O Ribeiro