LUGAR PELIGROSO

O PP insta a reparar unha fosa perigosa en Ribadavia

<p></p>
photo_camera Aspecto que presenta a fosa colectora existente na localidade de As Chabolas.

Afirma que hai arquetas que están sen tapa e que as augas verten ao exterior

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia ven de presentar un escrito no rexistro municipal instando ao goberno a acondicionar e asegurar, de xeito inmediato, a fosa colectora que se atopa na localidade de As Chabolas. Esta fosa recolle tanto augas pluviais como fecais da localidade e "atópase nun estado de abandono absoluto", segundo sinala o portavoz, César Fernández.

Engade o portavoz que existen arquetas que están sen tapa e que fácilmente poden provocar un accidente ou a caída dalgún animal. Ademais, a fosa non está correctamente selada e as augas e lodos verten de xeito descontrolado cara o exterior.

César Fernández sinalou que “a existencia desta fosa colectora é derivada do feito de que as localidades de A Groba, As Chabolas e Sanín, carecen de servizo municipal de abastecemento e saneamento de auga, o que provoca, ademais da falta de auga nas épocas de seca, un constante problema de salubridade e contaminación no entorno desta fosa colectora”.

O concelleiro tamén asegura que esta situación foi unha das razóns polas que votou en contra dos orzamentos municipais de 2017, ao non contemplar unha partida económica para a execución deste proxecto en As Chabolas, A Groba e Sanín, segundo pediron os populares, recordando que "o goberno municipal non fixo caso desta petición e non implementou esa partida económica".

O alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, recoñecía o problema porque a empresa concesionaria da xestión da auga non ten responsabilidade neste caso, e o Concello "fará ata onde poida chegar". O rexidor declarou que se tomarán as medidas inmediatas necesarias para arranxar a fosa e tamén instou ao PP a que apoie as alegacións que se fixeron aos orzamentos do goberno autonómico para incluir o proxecto de abastecemento e saneamento a esas tres localidades.

Te puede interesar