La Región

O RIBEIRO

O PP pide que Ribadavia sexa un dos Concellos Emprendedores

O portavoz, césar fernández, insta ao goberno local a axilizar os trámites ante a Xunta de Galicia

O PP pide que Ribadavia sexa un dos Concellos Emprendedores

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia insta ao goberno local mediante unha moción a iniciar de xeito inmediato todos os trámites necesarios para que Ribadavia poida formar parte da rede de Concellos Emprendedores da Xunta de Galicia. Segundo o portavoz, César Fernández, "en base a este programa de fomento empresarial da Xunta, os concellos deben establecer bonificacións de ata o 95 % no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes e suprimir taxas por prestación de servizos urbanísticos e por apertura de establecementos". 

Tamén se comprometen "a conceder as licenzas de obra maior nun prazo máximo de 30 días naturais desde que dispoñen de todos os informes, así como establecer bonificacións e a posibilidade de incorporación do dereito de superficie para favorecer o acceso a solo empresarial no seu municipio", engade o popular.

César Fernández sinalou que "a cambio destas medidas que debe adoptar o Concello de Carballiño, a Xunta de Galicia dará prioridade aos Concellos Emprendedores en ordes de axudas que se convocan en réxime de concorrencia competitiva para impulsar o emprego, o emprendemento, o comercio local ou proxectos relacionados coa Industria 4.0".

En concreto, refírese a que inclúe un criterio específico no que o baremo de puntuación supoña, polo menos, o 20 % do total, polo que a inclusión de Ribadavia neste programa da Xunta de Galicia, ao que xa pertencen 55 concellos da provincia de Ourense, "pode ser positivo para impulsar proxectos empresariais, o emprego, o emprendemento e o comercio local no noso concello", conclúe o portavoz do Partido Popular, César Fernández.