O PSdeG reclama plenos ordinarios en Cortegada

o alcalde afirma que con tres funcionarios e moito traballo administrativo non foi posible convocar plenos no verán

O PSdeG de Cortegada afirma que o alcalde do Partido Popular, Avelino de Francisco, négase a convocar os plenos ordinarios, tal e como se acordou o pasado 27 de xuño, durante a celebración do pleno de organización. Desde entón non se celebrou nin un só pleno ordinario, cando segundo o acordado tería que ser convocado para o 27 de agosto, ou no 27 de setembro, no caso de que se aprazase por vacacións.

Os socialistas rexistraron por escrito con data do 28 de setembro unha solicitude ao alcalde para que convocase o pleno tal e como se acordou. "O alcalde optou por prácticas antidemocráticas, negándose a debater públicamente os problemas da veciñanza", sinalan. Este grupo engade que "contactamos cos traballadores do concello, que para nada son os culpables desta situación, senón que é o señor Avelino de Francisco".

O rexedor municipal declarou que o concello só dispón de tres funcionarios e que nos meses de xullo, agosto e setembro estiveron de vacacións. Ademais, indicou que foron meses de moito traballo administrativo sen tempo para convocar plenos, xa que houbo que tramitar moitos proxectos, "porque este ano superamos o millón de euros en inversións". Finalmente, engadiu que o pleno xa está convocado para o 16 de outubro.

Te puede interesar