Política

O PSOE de Ribadavia reclama a mellora da ponte da Veronza

ponte da veronza
photo_camera Estado actual da ponte medieval da Veronza, en Ribadavia.
"Cremos que non haberá impedimento para restaurar e conservar esta ponte de tanto valor para Ribadavia", apunta Noelia Rodríguez

O grupo municipal do PSOE de Ribadavia vén de instar ó equipo de goberno do Concello, do PP, á realización urxente de traballos de reforzo, aseguramento e consolidación da ponte medieval da Veronza e o seu entorno, que xa no ano 2017 o goberno local presentara ante técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio.

A concelleira socialista Noelia Rodríguez lembra que, en decembro dese ano, a borrasca “Ana” provocou danos importantes na estrutura da ponte, "e, daquela, levouse a cabo unha actuación urxente para evitar novos arrastres de pedras cara ao río Avia, agardando por un posterior proxecto integral de reconstrucción".

Dende o grupo socialista de Ribadavia consideran que se debe levar a cabo de xeito inmediato unha actuación preventiva, á vista da época do ano que ven por diante, coa finalidade de reforzar, asegurar e consolidar a ponte da Veronza e o seu entorno.

Por todo elo, o PSOE propón ó pleno da Corporación un acordo plenario para instar ó goberno municipal a levar adiante o cumprimento dos compromisos adquiridos co anterior grupo de goberno, "de xeito inmediato e cunha actuación urxente na ponte medieval da Veronza, datada no século XII, para evitar posibles afectacións derivadas da chegada do inverno".

Noelia Rodríguez apunta que "cremos que, despois de xa dous anos, e agora coas institucións da mesma cor política, non haberá impedimento para restaurar e conservar esta ponte de tanto valor para Ribadavia, que foi paso de peregrinos a Compostela".

Te puede interesar