Unha novedosa aplicación permitirá axilizar o arranxo das deficiencias

As queixas ó Concello de Castrelo faranse vía móbil

A base de datos estará na Casa Consistorial de Castrelo. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O Concello de Castrelo de Miño implanta unha aplicación de móbil que permitirá ao cidadán reclamar o arranxo dos fallos e incidencias que existan nos servizos municipais. O programa chámase 'Castrelo atende' e porá ao servizo do usuario unha ferramenta coa que poderá informar de deficiencias como unha vía en mal estado, desperfectos no mobiliario urbano, un fallo na iluminación ou na rede de suministro de auga, entroutras, incorporando, se así o desexa o veciño, unha fotografía e a localización exacta a través dun sistema de localización GPS.
A mensaxe chegará ao servidor central do Concello para mobilizar os efectivos necesarios e, unha vez solucionada a incidencia, comunicarase a súa resolución ao interesado. A súa descarga e instalación será gratuíta para todolos smartphones.

A aplicación estará operativa as 24 horas do día, todolos días do ano, a diferencia do sistema tradicional, dependente do horario laboral dos traballadores do Concello. Poderáse, ademais, xestionar citas co alcalde ou cos distintos servizos municipais, recibindo resposta inmediata. O usuario que notifique unha incidencia recibirá despois unha resposta sobre o estado das reparacións a medida que estas se efectúen. Este é 'un sistema económico, que non require investimento', sinala o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez Méndez, engadindo que tamén permitirá aos cidadáns aforrar tempo e diñeiro ao evitarlles ter que desprazarse ata a Casa Consistorial para comunicar calquera incidencia.


PIONEIRO

Castrelo de Miño é o primeiro concello da provincia de Ourense no que se vai instalar este sistema, e será un dos primeiros municipios de Galicia.'Hoxe en día case todo o mundo ten un smartphone polo que os potenciais usuarios da aplicación serán numerosos, segundo valoran as autoridades locais. Con todo, tamén haberá outras vías para recibir avisos, ben sexa a través de correo electrónico, por teléfono ou de forma presencial nas oficinas municipais.

Todalas incidencias se rexistrarán nunha única base de datos co fin de conseguir unha mellor xestión presupostaria, ao priorizar as incidencias máis graves ou urxentes, así como un aumento da produtividade e unha maior transparencia na xestión municipal. 'Pretendemos continuar mellorando a atención aos nosos veciños, e este vai ser un sistema axil e operativo para controlar as incidencias no concello', indicou o alcalde.

Te puede interesar