Ribadavia

A reforma da Casa da Cultura ten 60.000 euros de investimento

O Concello de Ribadavia levará a cabo obras de mellora da Casa da Cultura ó traverso dun convenio

O Concello de Ribadavia levará a cabo obras de mellora da Casa da Cultura ó traverso dun convenio asinado polo alcalde, César Fernández, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que permitirá un investimento de 60.000 euros para a súa execución.

O goberno municipal ribadaviense procederá á licitación da obra para dar comezo á mesma de xeito inmediato, para que os traballos previstos na fachada do edificio e no auditorio poidan estar rematados antes do final do ano 2019, tal e como apuntou o alcalde.

O propio César Fernández deu conta onte á xunta de goberno local do Concello da sinatura do convenio, este mesmo órgano municipal aprobou un expediente de xeración de crédito por importe dos 60.000 euros que concede a Xunta para a execución do proxecto.

O rexedor municipal suliñou que "grazas á colaboración da Consellería de Cultura e Turismo poderemos acometer esta obra de mellora da Casa da Cultura, que foi demandada en múltiples ocasións e que figuraba no programa electoral co que nos presentamos ás eleccións municipais, polo tanto, seguimos a cumprir os compromisos adquiridos coa veciñanza de Ribadavia". César Fernández engadiu que "estamos seguros de que esta vía de cooperación nos permitirá levar a cabo actuacións importantes ao longo deste mandato".

Te puede interesar