Reparacións na pista olímpica de remo, no Concello de Castrelo

O Concello de Castrelo de Miño está realizando obras de reparación na pista de remo olímpico instalada no encoro. É unha das tres únicas pistas de remo olímpico existentes de España xunto coa de Banyoles e Sevilla. O proxecto conta cunha subvención de 30.000 euros e está financiado pola Deputación Provincial de Ourense.
Despois de 15 anos dende a súa instalación, esta pista de 2.500 metros de lonxitude ten sufrido un importante deterioro debido ás crecidas e arrastres do río Miño en determinadas épocas do ano, e era necesaria esta inversión en mantemento para continuar organizando probas deportivas acuáticas do máis alto nivel como son os campeonatos galegos e de España, copas ibéricas e europeas ou copas das nacións, entroutros.

'Esta reparación é a primeira fase dunha mellora destas instalacións que debe continuar nos vindeiros anos, e na que se deben implicar todas as institucións galegas, xa que é a única pista olímpica de remo de Galicia, e unha das tres únicas de España', sinala o alcalde, Xurxo Rodríguez.

Te puede interesar