Ribadavia conciliará máis horas neste Nadal

Casa do Concello de Ribadavia.
photo_camera Casa do Concello de Ribadavia.
O servizo contará tamén con 20 prazas máis que o pasado ano

O Concello de Ribadavia pon en marcha, un ano máis, o programa de conciliación familiar durante as datas de Nadal para que as familias da localidade poidan compaxinar a vida laboral e familiar, “o que supón unha oferta atractiva existente na localidade en relación con outras”.

O programa ofertará 60 prazas, 20 máis que o ano anterior, e será para nenos de 3 a 14 anos. A súa duración coincidirá coas vacacións escolares, e cubrirá todos os días laborais desde o día 22 de decembro ata o 9 de xaneiro, coincidindo co remate das vacacións escolares. O horario de atención tamén se incrementará durante este ano nunha hora, pasando a ser de 9,00 a 14,00 horas. Os prezos, sen embargo, serán os mesmos que o ano pasado, 25 euros para familias empadroadas, e 50 euros para non empadroadas. Un prezo único que contempla deducións para familias con máis dun fillo inscrito e para as rendas reducidas. As actividades levaranse a cabo no Pavillón de Deportes de Ribadavia, , onde se ofertarán tanto actividades educativas como de lecer. A totalidade delas desenvolverase tendo en conta todos os protocolos sanitarios e de seguridade derivados da emerxencia sanitaria provocada pola pandemia do covid-19.

Todas aquelas familias interesadas en participar terán dende o 2 ata o 17 de decembro para inscribirse no Departamento de  Servizos Sociais do Concello de Ribadavia. Para a selección dos participantes daráselle preferencia a aquelas familias que máis o precisan.

Te puede interesar