O Ribeiro

Ribadavia cubre unha praza para as emerxencias

uploaded_ges_resultado
photo_camera Un operario do GES de Ribadavia intervindo nun accidente de tráfico.
Os aspirantes que non sexan seleccionados entrarán nunha bolsa de emprego municipal

O Concello de Ribadavia procederá a contratar un novo operario para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), tras a marcha dun dos seus 10 efectivos para o corpo de bombeiros. Para elo convoca un proceso selectivo con vistas á contratación laboral temporal, a xornada completa, para completar esta brigada que presta asistencia a toda a comarca do Ribeiro, aínda que con sede en Ribadavia. 

A duración do contrato será polo tempo de vixencia do convenio ó que se adheriu o Concello de Ribadavia e subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e as deputacións provinciais, en materia de emerxencias, prevención e defensa contra incendios forestais, para a creación e implantación dos GES. No contrato establecerase un período de proba dun mes, sendo motivo de extinción do mesmo o non superalo. 

Por outra banda, co obxectivo de poder contar sempre cos 10 efectivos para cubrir as emerxencias, os responsables municipais sinalan que con todos aqueles aspirantes que non sexan propostos para a súa contratación e superen a fase de oposición, elaborarase unha bolsa de traballo ou lista de reserva, por orde de puntuación obtida no procedemento, coa finalidade de acudir a ela para cubrir baixas e continxencias que se produzan no servizo.

O alcalde, César Fernández, sinalou que "coa apertura deste proceso selectivo pretendemos restablecer o número de efectivos cos que conta este servizo. Estamos a falar dun servizo moi importante para a cidadanía, e que no caso do GES de Ribadavia fai un gran traballo, sendo referente a nivel provincial".

Te puede interesar