Ribadavia dota de 3.000 euros o premio de textos teatrais Abrente

O Concello de Ribadavia, a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT), convoca o noveno Premio Abrente de Textos Teatrais. Neste momento trátase do único premio anual de teatro que existe en Galicia e a organización reafirma o seu compromiso coas artes escénicas, coa dramaturxia galega contemporánea, coa lingua galega e coa dinamización transversal de todos os oficios do teatro, segundo sinalan.

O Premio Abrente de 2014 está dotado con 3.000 euros e unha estatuíña do artista Sampedro. O Concello e a organización da mostran decidiron adiantar a publicación das bases con respecto ás datas de anos anteriores coa finalidade de gañar tempo e maior difusión para unha das actividades máis consolidadas do festival, que este ano chega á súa 30ª edición, 'co desexo de afrontar as dificultades e os recortes públicos en materia cultural da mellor maneira para que non afecte directamente aos miles de usuarios e aos traballadores das artes escénicas, para os que están encamiñados todos os esforzos organizativos', engaden.

A organización considera que Ribadavia é o símbolo das artes escénicas de Galicia e 'a demostración do carácter innovador, transformador e dinamizador do necesario investimento público en materia escénica, que tamén repercute visiblemente no Ribeiro en moitos outros sectores produtivos', conclúe.

Te puede interesar