O grupo municipal do PP achaca a "incapacidade" do goberno local a perda de 15.000 euros de subvención
O Concello de Ribadavia perdeu a condición de Aula de Referencia para o CeMIT, ademáis do dereito á subvención corresponedente, que neste caso era de 15.000 euros, para a dinamización da actividade na aula. O grupo municipal do PP considera que se debe á "incapacidade do goberno" local.
A aula CeMIT (centros para a inclusión e modernización tecnolóxica) situada na Casa da Cultura, estaba considerada Aula de Referencia ao abeiro do convenio de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento do Plan de Inclusión Dixital no eido da Administración Local.
A perda da condición de Aula de Referencia ven provocada polo incumprimento do convenio, xa que "non chega ao mínimo nivel de actividade esixible para ser considerada Aula de Referencia", puntualiza o portavoz popular, Cásar Fernández.
O alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, declarou que a perda se debeu a que a Xunta de Galicia cambiou os criterios sobre as horas de actividade a desenvolver na aula a mediados de ano, e así a perderon un total de oito concellos. "Non podemos competir en número de alumnos con outras vilas de 30.000 habitantes ás que se lle concederon, pero imos intentar solucionalo", sinala Gómez.