política local

Ribeiro en Común esixe retirar barreiras arquitectónicas

Outra das propostas que fai Ribeiro en Común ten que ver co reforzamento e cumprimento da normativa que establece o carácter peonil e de paseo das rúas, sobre todo no casco histórico

O grupo municipal Ribeiro en Común de Ribadavia propón ao pleno un plan de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas en todo o municipio. Reclama con esta nova moción que o concello impulse as accións, proxectos e obras necesarias para ir corrixindo e suprimindo as barreiras arquitectónicas que aínda existen.

Nese sentido, refírese ao auditorio do castelo, "consideramos que nas filas máis altas deberase crear un espazo para persoas con mobilidade reducida e para cadeiras de rodas", sinala este grupo.

Ademais, reclama que se comunique de maneira accesible e sen barreiras o paseo urbano do río Avia co casco histórico, o que califica de prioridade para este concello.

Tamén pide ramplas de acceso no casco histórico, comezando polos laterais da Praza Maior para acceder a vivendas e locais alí situados; xunto cun plan de obra para a construción de ramplas en beirarrúas e espazos públicos.

Outra das propostas que fai Riberio en Común ten que ver co reforzamento e cumprimento da normativa que establece o carácter peonil e de paseo das rúas, sobre todo no casco histórico, "onde por desgraza é constantemente incumprido coa pasividade do actual goberno. Non pode ser que ademais de residentes e clientes do comercio entren en zona peonil coches non autorizados".

Te puede interesar