Ribeiro en Común reclama o reforzo de Pediatría

O Sergas informa que se restableceu o servizo interrumpido por baixas e permisos xustificados

O Centro de Saúde de Ribadavia recupera a normalidade da atención pediátrica, segundo informa o Sergas. Sinala que “unha concatenación de baixas laborais e permisos xustificados dos dous pediatras que dan cobertura asistencial ao Centro de Saúde de Ribadavia, e a súa coincidencia no período vacacional, xeraron o pasado venres un déficit de persoal que, ante a imposibilidade de contar con substitutos nestas datas de Nadal, fixo que se coordinaran os recursos dispoñibles para garantir a asistencia non demorable dos nenos da comarca do Ribeiro”. E recorda que “na actualidade non hai pediatras dispoñibles no mercado laboral”.

O grupo Ribeiro en Común volverá levar ao pleno unha nova reclamación para que se reforce este servizo, e recorda que a Corporación xa aprobara en novembro a mesma medida. “Non só non se reforzou o servizo, senón que comprobamos como non había ningunha pediatra no Centro de Saúde, mesmo anulando citas confirmadas previamente, algo inadmisible”.

Por iso, pretenden reclamar de novo que se estableza un servizo con dúas pediatras a tempo completo; que se cubran as vacacións, baixas e días libres de todos os médicos e que se estude a posibilidade de implementar un servizo de urxencias pediátricas no PAC do Ribeiro, incluíndo as fins de semana e festivos. “Pedímoslle ás familias afectadas que rexistren reclamacións no propio Centro de Saúde”, sinala.

Te puede interesar