Ribadavia acollerá un programa de actualización dos negocios entre os días 9 e 25 de maio

A Ruta do Viño forma ós seus socios para ser competitivos

Un dos carteis indicativos da Ruta do Viño do Ribeiro, en Ribadavia. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
A Asociación Ruta do Viño do Ribeiro vén de propoñer ós seus asociados un programa de novas accións formativas en innovación, adaptabilidade e mellora da calidade de servizos enoturísticos, que se desenvolverán entre os días 9 e 25 de maio en Ribadavia. O proxecto define actividades de sensibilización orientadas a concienciar á poboación da importancia do turismo do viño para o desenvolvemento local, que se complementan cunha formación de carácter práctico para a potenciación da calidade dos servizos enoturísticos.
Así, os participantes nestas xornadas poderán inscribirse nun total de cinco módulos, adicados ó fomento do emprego, marketing, creatividade, organización de visitas guiadas e o coñecemento das novidades a nivel de combinación de viño e gastronomía. 'O obxectivo deste plan é que as 62 entidades asociadas á Ruta do Viño do Ribeiro poidan ter o bagaxe suficiente para a ampliación, modernización e publicidade dos seus establecementos, é dicir, que sexan competitivos a nivel de enoturismo', subliñan os responsables do programa.

Deste xeito, as xornadas, que se desenvolverán no Centro Comarcal do Ribeiro en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, terán unha duración total de 23 horas, e os interesados poderán optar por inscribirse nun só módulo, abonando seis euros pola matrícula, ou no curso completo, que custa 20 euros, recibindo ó remate un diploma acreditativo.


ASOCIACIÓN

Esta proposta enmárcase dentro do proxecto 'Cara un modelo de Competitividade, Sostibilidade e Gobernanza no Medio Rural: Territorio Enoturístico Socialmente Responsable', promovido pola Asociación de Ciudades Españolas del Vino (Acevin), na que está integrada a vila de Ribadavia, e cofinanciado polo Ministerio de Medio Ambiente.

Te puede interesar