PATRIMONIO

A Universidade fai a planimetría do castro de Castrelo

<p></p>
photo_camera O equipo da Universidade de Vigo realizando os traballos para a planimetría do castro.

Os investigadores anuncian escavacións para este verán e poderán ser visitadas

Un equipo de investigadores da Universidade de Vigo realizou onte nas inmediacións do Castro de Santa Lucía, en Astariz, de Castrelo de Miño, traballos para a realización da planimetría do xacemento castrexo descuberto o verán pasado. O profesor da Universidade de Vigo e director do Grupo de estudos de arqueoloxía, antigüidade e territorio, Fermín Pérez Losada, xunto coa doctoranda Jessica Silvares, e varios traballadores dunha empresa especializada en estudos topográficos, conformaron o equipo.

Os traballos comezaron realizando, primeiramente, a toma das coordenadas do perímetro do castro con GPS diferencial para, despois, realizar o voo cun dron que tomaría as imaxes aéreas da zona. Con isto, conséguese a planimetría, que é a medición e a representación da superficie con vistas a proseguir co estudo que se comezou o verán pasado e do que xa se proxecta unha segunda fase.

Para os meses do próximo verán está prevista a segunda campaña que continuará cos traballos realizados previamente no xacemento e que constituíu, basicamente, a primeira toma de contacto. Fermín Pérez confía que con estes descubrimentos e cos traballos que leven a cabo póidase deixar visible parte das estruturas arqueolóxicas descubertas como un recurso patrimonial máis do concello. Para iso, restaurarán parte da zona e acondicionarán o maior número de estruturas para visitar.

Pérez Losada recalca a importancia do descubrimento do lagar situado dentro do castro, que evidencia o antigo da tradición vitivinícola da zona. Polo momento, estanse realizados estudos con Carbono-14 que permitan datar con maior precisión a época, da que sospeitan podería situarse ao redor dos séculos I ou II d. C. 

Te puede interesar