Medio Rural comprométese a tomar medidas de control para verificar a gradación das variedades

A uva xerez incorpórase á homologación de contratos da Denominación de Orixe Ribeiro

Xosé Rodríguez Cid, xunto ós adegueiros e representantes sindicais. (Foto: Xesús Fariñas)
A Comisión de seguimento do contrato homologado do Ribeiro acordou onte uns prezos comprendidos entre 0,30 e 0,55 euros para a uva ‘xerez’, que ata o momento non estaban contemplados en campañas anteriores. Rodríguez Cid, delegado de Medio Rural, considera que ‘este acordo demostra a vontade de profesionalización do sector vitivinícola’. O departamento autonómico, a petición de Unións Agrarias, comprométese a adoptar medidas de control para a verificación da gradación das uvas.
O delegado provincial de Medio Rural, Xosé Rodríguez Cid, presidiu a constitución da Comisión de seguimento do contrato homologado do Ribeiro, na que se produciu a adhesión de catro novas adegas, o que supón a incorporación da práctica totalidade das existentes na Denominación de Orixe. Tamén se produciu un acordo de prezos de referencia para a variedade ‘xerez’ que queda establecido entre 0,30 e 0,55 euros según a graduación para as vindeiras dúas campañas.

Deste xeito, á homologación do contrato que rexe as transaccións comerciais das variedades treixadura, albariño, godello, caíño, sousón, brancellao, ferrón, torrontés, mencía e tempranillo, engádese este novo acordo de prezos para a variedade xerez. Rodríguez Cid considera que ‘este acordo demostra a vontade de profesionalización do sector vitivinícola ó garantir a estabilidade de prezos, tanto para vendedores como para compradores’.

Compromiso

Na mesma xuntanza, desenrolada na tarde de onte na sede da Delegación en Ourense, tamén se acordou recoller a solicitude do sindicato Unións Agrarias, que propón un novo compromiso mediante o cal a Consellaría do Medio Rural adoptará as medidas de control precisas para a verificación da gradación da uva. Rodríguez Cid lembrou que ‘a sinatura do primeiro contrato homologado do Ribeiro tivo lugar en setembro de 2006’.

Na anterior Mesa do Viño celebrada no Ribeiro, o documento fora ratificado por Xóvenes Agricultores e o Sindicato Labrego Galego (en representación dos viticultores) e pola Cooperativa do Ribeiro, a Asociación de Embotelladores e as adegas Campante, Pazo do Mar, Rodríguez Méndez e Cunqueiro (por parte do sector elaborador), ás que agora hai que sumar outras catro adhesións.

UNANIMIDADE

Contratos para tódalas variedades

O sindicato Unións Agrarias asinará os acordos de contratos homologados da Mesa do Viño do Ribeiro, ‘ó lograr que a contratación ampare ó 100% da uva, tanto ás variedades preferentes como ás autorizadas’, según indicou o seu voceiro, Xosé Ramón González.

Engade que ‘a implantación de contratos para tódalas uvas constituiu nos últimos anos unha demanda irrenunciable do noso sindicato de cara a garantir as rendas dos viticultores’. Neste sentido, González lembra que ‘a Mesa do Viño do Ribeiro pactara nas últimas vendimas só contratos para as variedades preferentes, que supoñen arredor do 28% da produción da denominación de orixe, e deixando sen contrato e por tanto, sen prezo, ó resto das uvas, que suman en torno ó 72% da producción’.


Te puede interesar