O conselleiro de Medio Rural inaugurou en Ribadavia a 'XLVII Feira do Viño', na que participan 30 adegas e colleiteiros

Os viños do Ribeiro presentan unha oferta de calidade na colleita do 2009

Samuel Juárez, Anxo Collarte, Camila Bossa y Luis Anxo Rodríguez.
A vila do Avia convértese nesta fin de semana na capital enolóxica do mundo. Xa son 47 os anos que cumpre a 'Feira do Viño do Ribeiro', que foi inaugurada na tarde de onte no recinto da Alameda baixo unha fina choiva e os acordes da Banda de Música 'La Lira'. O carácter mundialista dos caldos da comarca vitivinícola foi expresado por Emilio Cuíñas, concelleiro de Promoción Económica de Ribadavia, quen destacaou que 'son fonte de riqueza e un recurso turístico que hai que pór en valor'.
E a calidade dos 35 brancos e tintos saídos de 45 adegas na colleita do 2009, expostos na feira, foi presentada como 'magnífica' polo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe, Luis Anxo Rodríguez, quen destacou 'as 10 medallas de ouro e sete de prata conqueridas nos concursos internacionais'. Tras unha breve intervención de Anxo Collarte, alcalde en funcións na ausencia por enfermidade do titular, Marcos Blanco, o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, apuntou que 'a mellora do sector do viño nos mercados está baseada na reconversión das plantacións, agora exclusiva de variedades autóctonas'. O representante da Xunta comprometeuse a seguir apoiando as iniciativas vencelladas ás uvas, 'porque teño escoitado que o viño é a alma do Ribeiro'.


SABOR

A pregoeira do evento, Camila Bossa, a actriz colombiana coñecida pola súa participación en series televisivas como 'Mareas vivas', 'Pratos combinados' ou 'Matalobos', sinalou que 'a miña nai é galega, e logo de pasar 15 anos en Madrid recoñecín en Galicia a súa cultura e gastronomía'. Tamén lembrou as súas estadías en Ribadavia co gallo da Mostra Internacional de Teatro, 'e as xuntanzas que tiñamos, onde sempre estaba presente o viño do Ribeiro coa súa cor característica e o sabor afroitado que deixa no paladar'.

No acto estiveron presentes o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, e os rexedores de Cenlle, Arnoia, Carballeda de Avia e Melón, ademais de Eva Pardo, tenente de alcalde de Boborás.

Te puede interesar