O conselleiro de Educación participou na entrega dos premios ‘Bacelo de Prata’ no pazo de Esposende

Xesús Vázquez destaca que ‘ningún país do mundo ten unha carta de viños como Galicia’

 Vázquez e Ocampo (de costas), con Manuel Fernández e Toña Suárez á dereita.  (Foto: Xesús Fariñas)
O acto de entrega dos premios ‘Bacelo de Prata’ que otorga a asociación Álvaro das Casas desenvolveuse onte no pazo dos Ulloa de Esposende, en Ribadavia. Os propietarios das adegas ‘Quinta Couselo’, Toña Suárez, e ‘O Casal’, Manuel Fernández, recibiron os galardóns polo seu compromiso co galego na etiquetaxe das botellas e a calidade dos seus viños. Entre as autoridades asistentes, o novo conselleiro de Educación, o ourensán Xesús Vázquez, apuntou que ‘Galicia respira viño polos catro costados’.
Un cento de persoas acudiu onte ó pazo dos Ulloa, na localidade de Esposende, ubicada entre os municipios de Ribadavia e Cenlle, para asistir á entrega dos premios ‘Bacelo de Prata’ que dende hai seis anos otorga a asociación cultural Álvaro das Casas pola promoción da lingua galega nas adegas.

Abriu o acto o presidente deste colectivo, Avelino Muleiro, que lembrou que ‘cando comezamos a nosa andaina no 2003, tan só había 12 adegas galegas que etiquetaban as súas botellas no noso idioma, e agora xa son 150 as empresas vinícolas que o fan’. Tra-lo visionado dun pequeno documental no que se relaciona o viño, a lingua e a cultura galegas, Muleiro aplaudiu a iniciativa posta en marcha por 200 veciños de Cenlle e San Amaro para a plantación de 80 hectáreas de oliveiras, ‘xa que están á recuperar o noso agro’.

De seguido, o profesor Xosé Manuel Cid deu lectura á acta do xurado do certame, que sleccionou ás adegas’Quinta Couselo’, da denominación de orixe Rías Baixas, e ‘O Casal’, de Valdeorras, pola seu compromiso na aposta de utilización do noso idioma como sinal de identidade e pola calidade dos viños que elaboran ambalasduas empresas. O fiscal xefe de Galicia, Carlos Varela, fixo entrega do galardón a Manuel Fernández, de ‘O Casal’, mentres o novo conselleiro de Educación e Ordena ción Universitaria, o ourensán Xesús Vázquez, impúxolle a medalla de prata a Toña Suárez, de ‘Quinta Couselo’.

Manuel Fernández apuntou que ‘somos cinco socios na adegae tomamos as decisións de xeito democrático, pero fumos uná nimes cando puxemos as etiquetas en galego’.

Pola súa banda, Toña Suárez lembrou que ‘a nós aconselláronnos que era pouco comercial a identificación galega nas botellas, e fixemos todo o contrario do que nos dixeron’.

ASISTENCIA

Autoridades e persoeiros do mundo da cultura

No pazo dos Ulloa congregáronse autoridades políticas, civís e persoeiros do eido asociativo e cultural de todo o país galego. Alí estaban o fiscal xefe e o xefe superior da Policía de Galicia, Carlos Varela e Luis García Mañá, respectivamente; o delegado da Xunta en Lugo, Xosé Vázquez Portomeñe, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Camilo Ocampo, ademais do tenente de alcalde de Ribadavia, Anxo Collarte.

E tamén o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, que lembrou as súas vivencias xuvenís na capitalidade do Ribeiro, ‘unha comarca que posúe unha enorme riqueza monumental, natual e paisaxística’. O mandatario autonómico destacou que ‘Galicia respira viño polos catro costados, e ningún país do mundo ten unha carta de viños tan importante como a nosa, tendo en conta as reducidas dimensións do territorio’.

O presidente do Consello Regulador de O Ribeiro, Luis Anxo Rodríguez, compartiu o acto co Xosé González, responsable da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística; xunto co ex director de Estructuras Rurais da Xunta, Xosé Carballido, e os tamén carballiñeses Adolfo Janeiro, titular do Casino Cultural da vila do Arenteiro e Xosé Moleiro, promotor e máximo dirixente da Orde dos Cabaleiros do Mosteiro. A nota musical da velada foi posta pola coral polifónica ‘Val do Avia’ de Leiro, dirixida polo profesor Celso Fernández.



Te puede interesar