Os rostros de Nós

Antón Losada, retratado por Antón Pulido

undefined

Pulido aborda ao histórico persoeiro mentor de «Nós», Losada Diéguez, dende a liña e o trazo, cun retrato definido con man firme nos perfís. O artista, pintor principalmente, e gravador, evita a dispersión tanto do fondo, por inexistente, como na propia vestimenta do retratado, para refugar o superfluo, e a técnica escollida axuda: debuxo a pincel empregando augada de tinta chinesa, tal como fixera o Goya. Máis tamén do feito da foto escollida, un retrato de grupo do Seminario de Estudos Galegos en 1928 na capela maior do antigo convento dos Dominicos de Pontevedra. Aquel día Losada colocouse de pé, entre os amigos ourensáns, Otero Pedrayo, Cuevillas e Risco. O SEG, grupoanton-losada-lamina-25,5x35cm_resultado que auspiciara, estábase a converter nunha referencia de modernidade en Galicia. A súa pose de perfil, co rostro xirado e sorrindo sutilmente, olla para nós chiscando os ollos por tras dunhas gafas de montura metálica e cristal redondo. Leva as estreitas solapas do moderno gabán levantadas, buscando acubillo, e na cabeza cara atrás sombreiro de ás rectas. A mancha sutil das sombras dálle o necesario relevo e vivacidade. Mais ao ano seguinte morría, quedando incompleta «A Domeadora», o primeiro acto da obra de teatro editado en «Nós», 1929. Tiña nacido en 1884 en Moldes/Boborás, de familia da fidalguía, do marquesado de Bóveda de Limia, vivido dende noviño na Estrada/ Pontevedra até o bacharelato cos Xesuítas de Camposancos e o Instituto da capital provincial, encamiñándose logo cara Filosofía e Letras en Deusto e Salamanca, até 1906. Doutorouse en Compostela e tralas oposicións en Madrid chega a Ourense en 1914 como catedrático de Instituto. Implicado nas Irmandades da Fala, inflúe en Noguerol, Otero, Risco e Cuevillas, e preside a Asemblea Nacionalista en Lugo. Dende 1919 traballa en Pontevedra, asociando a Castelao, quedando así artellado. Os seus escritos, moitos deles inéditos, pódense ler nas obras completas, póstumas, como tamén A significación profunda do galeguismo, «Nós», 1930.

Antón Pulido (Bóveda, Amoeiro, n. 1944) é tan de Ourense que vive en Vigo dende fai décadas. Formouse nos Seminarios de Ourense, e como artista en Barcelona, Escola Superior de BB.AA. Sant Jordi, regresando coa bagaxe de ser discípulo de Hernández Pijuán e cunha Ribes fabricada peza a peza, o seu Ferrari dos gravados. Exerceu como docente, primeiro de maxisterio en Pena Trevinca e logo nun Instituto vigués. En paralelo desenrola unha actividade de xestor público como Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e director do CGAC. Mais sempre artista, vocación que encamiñou dende moi novo Prego, e adornou Otero Pedrayo coa introdución nunha exposición do seu amencer expositivo. Ten feito diversas exposicións, retrospectivas e antolóxicas nos últimos tempos, deixando pegada como ilustrador nas portadas da gran colección artistas galegos de Nova Galicia Edicións, para a Editorial Ir Indo e na Revista Ágora de Orcellón. De gran significación é A Praza das Apertas, 2015/2016, Vigo, compendio de arquitectura, escultura e pintura, unha sinfonía cromática para desfrutar como se dunha kermesse se tratase.

Mañá, domingo, lámina adicada a Antón Losada

Os lectores de La Región que compren mañá o xornal conseguirán o oitavo exemplar da colección de láminas adicadas aos rostros máis emblemáticos da Xeración Nós. Tras Otero Pedrayo, Risco, Castelao, Cuevillas, Noguerol, Ben Cho Shey e Ramón Cabanillas, chega o turno da ilustración de Antón Losada, feita por Antón Pulido. Esta iniciativa completarana outras figuras recoñecidas como Xaquín Lourenzo “Xocas”, Florentino López Cuevillas e un cartel de Nós, rematando así esta colección.

Te puede interesar