OS ROSTROS DE NÓS

Os rostros de Nós | Arredor do cartaz da Revista Nós de Fernández Mazas

mazas
photo_camera mazas

No ano en que morría Parada Justel en Ourense, 1902, nacía Cándido Fernández Mazas, o artista ilustrador que pecha a esta serie. Así son os fíos da vida. Outro deles, de xeito cultural, é este cartaz publicitario que aquel fixo para a Revista Nós, recente adquisición da Deputación ourensá en coincidencia co centenario da aparición daquela publicación que saíu do prelo en Ourense o 30 de outubro de 1920 “Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos”. Este cartaz, descoñecido até que foi adquirido pola Deputación e amosado no seu Centro Cultural na recente exposición “De Nós a nós” realizada na nosa cidade, acompañado de debuxos e capas de libros saídos da súa man, e preto desa composición expositiva, os tres cadros que atesoura a institución provincial.xocas-lamina-25,5x35cm_resultado

Fernández Mazas (Pedrouzos, Castro Caldelas, +1942) foi un artista de breve vida e reducida produción plástica. Fillo dun oficial do exército e de Remedios González Mazas, precoz como dan conta seus debuxos con dezaoito anos que garda a Fundación Risco. Coñecido como “Dichi”, apaixonado de Hegel e Kant, destacou pola súa dialéctica con chispa, e malia dalgunhas propostas que batían coas do grupo Nós, na revista viu a luz “Arco da vella” en decembro de 1922. As leccións de debuxo de Luís Fernández Pérez, o “Xesta”, axudarían para conseguir beca da Deputación para facer estudos pictóricos en París na Académie de la Grande Chaumière en 1925, voltando entre 1927-1928, anos dos óleos conservados, dun aire Art Déco. As súas ilustracións saíron nas revistas Alfar ou Ronsel, e periódicos como La República e El Combatiente Rojo. Fixo capas de libros para Xavier Bóveda en 1922, e Francisco Luís Bernárdez, 1923. Escribiu dende moi novo en La Zarpa, 1918, e publicou “Santa Margorí”, en Madrid, 1930, onde vivía e era coñecido como “marzas”. “Los cuernos disparados”, 1931, permaneceu até pouco inédita. Nesta década de polarización política posiciónase ideolóxicamente escribindo para A.T.E.O., en 1933, e participando nas Misiones Pedagógicas, sendo o seu cartaz do “Teatro de títeres” o oficial do Patronato de Misiones. Durante a guerra fixo o Álbum “Ellos. La España de Heraclio Fournier”. Liberado do campo de concentración e cárcere de Valencia por Sebastián Martínez-Risco, xuíz militar, foi confinado nas montesías terras de Pedrouzos...

O cartaz que nos ocupa amosa cunha caligrafía angulosa en letras capitais enmarcadas en negro a mensaxe publicitaria. “NOS [sic], arriba e no pé “REVISTA DA CUL * / TURA * GALEGA * / * OURENSE “, para concluír noutro tamaño menor “GRABADO * CÔREA’ / DO * DE * FR * MAZAS”. Unha figura sentada de perfil subliña o nome da revista en verde cunha vara que sostén na man pintada coa mesma cor, a mesma da meixela, cubríndose cun sombreiro vermello de anchas ás, baixo do que asoma a melena. Un fermoso linóleo aínda sen datar na biografía deste gran creador da vangarda galega, ao que se lle dedicou o Día da Ilustración 2020.

MAÑÁ, DOMINGO, O CARTAZ VANGARDISTA DE MAZAS

Os lectores de La Región que compren mañá o xornal conseguirán o décimo e derradeiro exemplar da colección de láminas adicadas aos persoeiros da Xeración Nós, tralos retratos de Pedrayo, Risco, Castelao, Cuevillas, Noguerol, Ben-Cho-Shey, Cabanillas e Antón Losada. A serie remata cun agasallo especial: o célebre cartaz que realizou en 1920 o autor ourensán Fernández Mazas para a revista, reflectindo o seu interese polas correntes vangardistas que estaban a explotar por toda Europa. 

Te puede interesar