Os rostros de Nós

"Aos artistas fáltanos agarimo, hai que facer o gran museo de Ourense”

"Antón Losada xunto con Vicente Risco tivo a primeira idea de editar unha revista e alí medrou un grupo que inda hoxe nos sorprende"

Ainda que reside en Vigo, Antón Pulido presume de ser ourensán como o era Antón Losada Diéguez, a quen considera o xérmolo da revista Nós e da Xeración. O seu retrato, que La Región distribuirá o domingo entre os seus lectores, reivindica a importancia que tivo.

Antón, como recibiu vostede o encargo de facer o retrato de Antón Losada Diéguez?

En primeiro lugar teño que dicir que a idea de La Región de facer estes retratos é unha forma de reclamar, de poñer o punto de atención sobre esta xeración, a Xeración Nós, que fixo do amor a Galicia unha forma de vivir. Eles todo o que facían sempre era pensando en Galicia e iso é importantísimo. Antón Losada Diéguez xunto con Vicente Risco tivo a primeira idea de editar unha revista e alí medrou un grupo que inda hoxe nos sorprende pola súa incidencia e por todo o que fixeron naqueles tempos tan difíciles. Foron un exemplo de como hai que vivir e sentir a Galicia. É coma se aquí fai uns anos unha xeración importante que houbo, arredor de Marcos Valcárcel e Afonso Vázquez-Monxardín comezasen unha historia similar. Hai que tributarlles todo o mérito que merecen por todo o que fixeron desde os anos 20 ata o 36.

Inxustamente, Losada Diéguez aparece coma un secundario.

Si, fálase moito de Otero Pedrayo, Castelao, Risco ou Cuevillas e a Antón Losada Diéguez nin o citan. Pobre Antón, co que traballou nesa revista naqueles comezos. A idea foi súa e despois xunto co resto foron desenvolvéndoa. A Castelao, por exemplo, collérono sobre todo coma debuxante, para ilustrar, coma responsable da parte gráfica.

Fala de Marcos Valcárcel, o centro cultural que leva o seu nome albergou a exposición sobre a Xeración Nós. Tivo a oportunidade de visitala?

Tiven a sorte de vela con Monxardín e puiden comprobar coma os debuxos, a plástica da Xeración Nós funciona por si mesma. Moitas veces nas revistas as ilustracións son un apoio pero en Nós ti ves un debuxo de Colmeiro e ise debuxo é coma un artigo ou un poema, funciona por si só. Eso é importante, darlle a categoría que merece, non unicamente de apoio.

Que técnica decidiu empregar no retrato?

É unha augada, unha técnica moi antiga que comezou a facerse xa no 1430 e que consiste en diluír pigmentos con auga e o resultado depende da cantidade de auga na que se dilúan. Soen ser pigmentos azuis, ocres, vermellos e marróns. É unha técnica moi agradecida. O debuxo de Antón está baseado nunha foto moi coñecida, na que tería uns 35 anos. Subinlle un pouco as gafas porque lle tapaban os ollos e abrinlle un pouco os ollos porque estaban un pouco pechados polo sol. Moitas veces o retrato defínese por dous ou tres detalles, sobre todo pola boca. Cando fas un retrato e a boca está ben xa é un retrato, inda que o nariz ou os ollos estén fatal, se a boca se parece xa hai retrato. El ten unha característica moi importante que o define, que son as cellas moi altas, que dan un aire de intelixencia, de ser un home listo, curioso. Antón ten a mirada dun home moi intelixente.

Ourense é terra de grandes artistas e grandes intelectuais pero como ve o presente?

Ourense sempre sobresaiu polos homes sobranceiros que tivo tanto no mundo literario coma no mundo artístico. O ourensán é un home agudo e moi responsable, o emigrante que vai a Suíza e nun ano xa o fan encargado da fábrica. E no mundo da cultura e da arte sempre foi dos lugares máis importantes de Galicia. Hai que esperar que siga sendo o mesmo, inda que aos artistas nos falta un pouco de agarimo, facer un museo, o gran museo. É fundamental empregar os cartos en facer ese gran museo no que poidan expor os artistas novos e onde se expoñan tamén as obras da historia da nosa arte e a nosa cultura.

Todas as forzas políticas deberían reunirse e solucionar este tema. Ata Ferrol ten un gran museo.

Te puede interesar