César Olla para Cabanillas

undefined

Ramón Cabanillas Enríquez foi bautizado na igrexa de San Bieito de Fefiñáns/Cambados, Pontevedra, onde naceu, e morrería, trala súa fértil vida comprendida entre os anos 1876-1959. Nela estivo en Compostela formándose no Seminario, o que lle deu poso culto á súa escrita, e tamén na La Habana, por motivacións caciquís, dende 1910. Aquí comeza a escribir en galego, logo de trabar amizade co litógrafo ourensán Xosé Fontenla Leal. E publica No desterro: visións gallegas, prologado polo crego agrarista ourensán Basilio Álvarez, ao que coñecera nun mitin en Vilagarcía, e que acredita nel o sucesor de Curros Enríquez. Fai súa a loita, e sae en Vento mareiro o canto de Acción Gallega, e portada de Castelao. Este primeiro Cabanillas dálle o alcume de “Poeta da raza”, cuxa rebeldía atemperará co regreso, por máis que se amose como poeta civil de amplo abano en Da terra asoballada, 1917, mentres traballa como secretario de concello. Participa dun galeguismo culturalista nas Irmandades da Fala, e en 1920 entra na Real Academia Galega, co tamén poeta Antonio Rey Soto. Da comezo entón a súa década máis fértil, publicando a meirande parte da súa obra, axudado por Enrique Peinador, propietario do balneario Mondariz, sendo a última A rosa de cen follas, 1927 ate que retoma a produción en 1949 con Camiños no tempo. No teatro, con Antón Vilar Ponte O Mariscal: lenda tráxica, 1926. Os seus restos mortais repousan no Panteón dos Galegos Ilustres.

O artista César Taboada Varela (n. 1954) pintou o retrato do poeta baseándose na súa icónica fotografía en B&N de vello, sorrindo e mirando ao lonxe, con chaqueta, garabata e ampla boina, utilizada co gallo das Letras Galegas 1976 e na capa das obras completas. Respecme en monograma. Todo “un toque post pop”, dixo, para engadir, “é algo deliberado, pensando naquel Ourense das batallas de flores (sic: frores), que era tamén un Ourense dunha intensísima actividade cultural”. Enfrascado no deseño das carrozas para dito evento, o central das nosas Festas Maiores, coñecino, nun tempo en que traballaba nunha serigrafía, e podo dar fe dese esforzo coral xerador de gran impacto económico. Gusta de amosar a súa versatilidade con técnicas mixtas, con serigrafía, sobre lona, aínda que utilice o óleo sobre tela.

Nado en Compostela, graduado en 1987 de Artes plásticas, deseño en interiores e deseño gráfico, licenciado en Belas Artes en 1995, leva case toda a vida na nosa cidade. Centrado no traballo docente e dirección da Escola de Arte e Superior Deseño na Cuña e xa antes en Barrocás, ten feito malia todo exposicións, caso do Centro Cultural Deputación, 2002; Museo Municipal, 2012, e a da santiaguesa Casa da Parra, 2014.

ramon-cabanillas-lamina-25,5x35cm_resultado

Mañá, domingo, lámina adicada a Ramón Cabanillas

Os lectores de La Región que compren mañá o xornal conseguirán o sétimo exemplar da colección de láminas adicadas aos rostros máis emblemáticos da Xeración Nós. Tras Otero Pedrayo, Risco, Castelao, Cuevillas, Noguerol e Ben Cho Shey, chega o turno da ilustración de Ramón Cabanillas, feita por César Taboada. Esta iniciativa completarana outras figuras recoñecidas como Xaquín Lourenzo “Xocas”, Florentino López Cuevillas e un cartel de Nós, rematando así esta colección.

Te puede interesar