Adolfo Rodríguez Ansias, mestre republicano, no seu corenta cabodano

undefined
photo_camera Adolfo R. Ansias.
Exercía de mestre na escola de nenos de Bóveda (Amoeiro) cando se producíu o levantamento militar de 1936

Transcorreron xa catro décadas do paso ao limiar da eternidade, aquel 27 xuño 1982, do noso benquerido amigo e inmortal veciño da praza ourensá de San Cosme.

Adolfo Rodríguez Ânsias nace en Brasil o 11 agosto 1908, fillo de Digna Ansias Camba (San Cibrao das Viñas) e Adriano Rodríguez Cordeiro (Allariz). A súa nai vai falecer por complicacións no parto dun novo fillo, feito que vai provocar que Adolfo teña que vir para Galiza a vivir coa súa tía materna Victoria. Victoria Ansias Camba casara con César Conde Blanco, de profesión carpinteiro. A família Conde Ansias residía na praza de San Cosme, nº 2, baixo. O matrimonio tivo cinco fillos: Jaime, Carmen, Julio, Raquel e Raúl. Os tres primeiros fixeron maxisterio, exercendo durante moitas décadas Jaime e Julio. Julio e Raúl siguen afortunadamente estando con nós.

Cóntanos Julio, que Adolfo era un moi bo estudante en todas as etapas da vida académica: primaria, secundaria e maxisterio, e que o seu expediente escolar estaba cheo de sobresalientes e notables. Rapaz e alumno excelente, boa persoa, com moitas gañas de saber, de aprender, e de querer transformar aquela sociedade que lle tocaba vivir.

Aprobada a oposición de maxisterio na promoción de 1928, desenvolverá o labor docente nos concellos de Muíños (Rañadoiro), Ourense (Escola Anexa) e Amoeiro (Bóveda), coñecendo a ensinanza primaria no rural e no urbano, a depresión do mundo do campo, ilusionándose co traballo colectivo a nivel profesional e sindical, compartindo experiencias pedagóxicas nos Centros de Colaboración, e estendendo a alfabetización ao mundo adulto.

Mestre nacional e mestre da vida, foi con Luis Soto, Albino Nuñez e tantos outros compañeiros e compañeiras, membro dunha xuntanza de grande nível intelectual e humano, unha xeración inesquecible, defensora das liñas pedagóxicas da Institución Libre de Ensinanza, decidindo xuntarse e crear un sindicato de mestres, constituíndo unha Asociación que chamaron dos Traballadores do Ensino de Ourense (A.T.E.O.), período maio 1931-xullo 1936, da que foi fundador e membro directivo (administración) nas publicacións Escuela de Trabajo e Boletín ATEO.

O novo periodo republicano era toda unha esperanza. Mestras e mestres eran considerados como “as luces da República”. Entendíase a educación como un dereito individual humano, e un deber das sociedades organizadas de satisfacelo nun sentido humanitario. Houbo este sentir, e houbo tamén un pulo moi importante na cultura popular, traducido nas Misións Pedagoxicas, Universidades Populares, Ateneos libertarios, bibliotecas públicas, etc.

Exercía de mestre na escola de nenos de Bóveda (Amoeiro) cando se producíu o levantamento militar de xullo 1936 contra o réxime establecido. Toda unha vida por diante nos seus distintos planos, vida truncada pola sublevación e barbarie, a fin da ilusión e a chegada do terror e da represión. A Comisión Depuradora de Maxisterio, creada a tal fin en todas as provincias, actuou de forma inmediata. La Región (3 agosto 1936) informa de que foi requisado o libro de rexistro de mestres/as afiliados/as á ATEO, atopado na Casa do Pobo (ubicación da nomeada asociación). Entre os docentes ourensáns depurados figuran, no apartado de destitución e cese, os mestres do núcleo dirixente da Asociación.

Adolfo pasará por distintos acochos: A Loña, Mariñamansa, San Cibrao,.. e fundamentalmente na propia vivenda de planta baixa dereita do edificio de San Cosme, durante máis de vinteoito anos, evitando a súa detención que de seguro tería fatais consecuencias. O 1 novembro 1964, con 56 anos, solicita a reiconporación ao maxisterio. A resolución ten data de 10 xuño 1965. Exercerá de novo a súa profesión con destino en Viveiro, Requiás (Muíños) e Vilar de Marce (Ferreira de Pantón), destino e labor docente que por desgraza pouco vai poder desenvolver por mor dun ictus que provocou unhas graves secuelas de mobilidade e de parálise parcial.

Moitas, moitas tardes, disfrutabamos da sabedoría e experiencia de Adolfo. Moitos días tamén medraba o grupo, numérica e intelectualmente, coa presenza e o agarimo de Armando Fernández Mazas (1905-1996) e Raúl González Gómez (1903-1995), os seus ex-compañeiros e participantes das conversas e agasallos de lembranzas, queridos amigos e irmáns de esperanzas. Aínda xuntos recordaban (recordar é volver a vivir) a súa historia compartida.

Veciño inmortal da praza dos menciñeiros Cósmede e Damián da capital ourensá, a carón do senlleiro belén de Arturo Baltar, prolonguemos na memoria unha merecida lembranza a Adolfo e a todos aquelas e aqueles, mestras e mestres da República, asasinados, encadeados, exiliados, perseguidos, ou acochados na escuridade pola longa noite de pedra.

Te puede interesar