Alberto Varela: “Os concellos deben negarse a ter máis competencias se non veñen con fondos"

img-20191122-wa0013_resultado
photo_camera Alberto Varela, presidente da Fegamp.
O presidente da Fegamp asume o reto de reivindicar o papel das entidades locais, algo que "non é sinxelo" para "corrixir a deriva doutras administracións de non tratar en pé de igualdade os concellos"

Chegou a finais de novembro á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para substituír a Alfredo García, de quen destaca o "esforzo, implicación e bo trato". Alberto Varela cre que García "dignificou" a institución, e agora asume o reto de reivindicar o papel das entidades locais, algo que "non é sinxelo" para "corrixir a deriva doutras administracións de non tratar en pé de igualdade os concellos".

Cales son os principais retos? 

Pelexar por un reparto máis xusto dos fondos que chegan aos concellos desde a Xunta; que ese reparto teña criterios máis obxectivos e menos discrecionais, e que os concellos deixemos de asumir competencias que non nos corresponden, e as que teñamos que asumir que veñan acompañadas dos fondos negociados coas administracións locais. 

Fala de criterios máis obxectivos, a cales se refire? 

A Constitución é moi clariña e establece que os concellos se financiarán cos seus propios tributos e a participación nos ingresos do Estado e a Comunidade Autónoma. Dos fondos que reciben os concellos da Comunidade, un 33% vai ao Fondo de Cooperación Local, que se reparte con criterios obxectivos de poboación, superficie, dispersión... O resto, un 67%, repárteo a Xunta a través das diferentes consellerías segundo o que elas consideran que deben investir. Non debe ser así. Noutras administracións son os concellos quen deciden onde hai que investir, iso debémosllo esixir á Xunta.

Os criterios obxectivos chocan coa discriminación positiva que merece Ourense? 

Eses criterios non teñen en conta só a poboación, senón superficie,  dispersión, envellecemento... Son criterios puramente obxectivos cos que todos teriamos claras as regras do xogo. O que non pode ser é que a Xunta, á hora de conceder subvencións, teña como criterio o rexistro de entrada. Se o criterio é o primeiro que se presente e ves que hai concellos que o fan ás 12 e tres minutos e coincide sempre que son da cor política da Administración autonómica está claro que non é moi obxectivo.  

O novo líder da agrupación de entidades locais de galicia quere que sexan tratados "en pé de igualdade"

O seu predecesor, Alfredo García, protestou polo reparto de fondos da Deputación de Ourense... 

O mesmo que digo para a Xunta é o que deben ter as deputacións. Criterios obxectivos e que cada un saiba de antemán, máis ou menos, de cantos fondos vai poder dispoñer para planificar as actuacións. Se a de Ourense non o está a facer, tratarase de traballar nesa liña, pero sempre respectando a liberdade de acción das administracións para tomar as súas propias decisións. 

Cada vez os concellos teñen máis competencias. Dirán basta? 

Unha das queixas xeneralizadas dos alcaldes, sexan da cor política que sexan, é a excesiva tutela con respecto doutras administracións, tanto da comunidade autónoma como do Estado. Os concellos fomos os máximos cumpridores á hora de reducir a débeda pública, pero somos os que temos que ver como outras administracións deciden por nós que superávit podemos gastar, impoñendo unha regra de gasto. Esa tutela non é xusta, porque somos unha administración en pé de igualdade co resto. E o que sucede é que as competencias que outras administracións non queren acaban derivando nos concellos. Somos o caixón de xastre do que non queren outros.  

E cal é a receita contra isto? 

Se queremos prestar uns servizos públicos de calidade temos que definir cales son as competencias de cada un e non estar a discutilo entre administracións. E os concellos temos que negarnos a asumir competencias se non veñen acompañadas dos fondos necesarios e negociados. 

É dicir, se segue esta tónica apostaría por plantarse? 

Lóxico. O que non pode facer unha administración é aprobar unha lei sen que veña acompañada a maioría das veces dunha memoria económica, e sen ter negociado os fondos precisos cos municipios, para que se poida desempeñar axeitadamente. E poño un exemplo do mareo ao que sometemos os cidadáns: os concellos e a Xunta comparten o mantemento dos centros educativos, pero logo  discutindo que é mantemento e que é obra e investimento, e retrasando obras importantes. Deberiamos traballar todos a unha e sen liortas electoralistas, pero non sucede así. A xente só quere que lle solucionen o problema e non distingue se a estrada é autonómica ou local. 

Achéganse as autonómicas, cre que aumentará o “partidismo"?  

Non debería ser así , pero a experiencia dime que si vai influír. É facilmente comprobable que o reparto da Xunta aos concellos gobernados polo PP é moi superior aos de calquera outro partido, leva sucedendo catro anos, e moito me temo que a medida que se vaian achegando os comicios vaia a máis. 

E que fará para evitalo? 

Teño claro que chego aquí para defender os intereses dos concellos e que o meu interlocutor é a Xunta. Chegaremos a acordos cando se considere que son beneficiosos para os concellos, e cando non, non imos quedar quietos nin calados. Na investidura, o presidente da Xunta dicía que a Fegamp non debería ser un órgano contestatario. Non o será cando non teña que selo, pero se é preciso alzar a voz, pola miña parte vouno facer. 

As fusións de concellos e a unión de servizos son o futuro? 

As dúas fusións feitas non foron un éxito. Foi unha anécdota dentro do noso mapa político, non foi a panacea. Dentro dos nosos concellos, a xente ten a súa identidade e as fusións non poden ser obrigadas. Mancomunar servizos? Sempre que sexa un aforro de custo para os cidadáns e non prexudique a calidade do servizo é unha vía a seguir explorando. 

Que lle pide ao novo Goberno? 

Cómpre unha nova Lei de Bases de Réxime Local para definir mellor as competencias, eliminar a regra de  gasto e liberalizar de decisións á hora de decidir sobre o superávit, eliminar a taxa de reposición para contratar persoal e pedirlle ao Estado que sente coas distintas comunidades para o reparto dos fondos, pero en pé de igualdade cos concellos, para que non nos chegue o que sobre. 

Como blindamos os servizos básicos nos concellos? 

Teremos que tomar medidas encamiñadas a prestar servizos a quen queira vivir no rural, e facer o máximo esforzo posible para que non teñan que ir vivir ás cidades por non ter posibilidade de asentarse no territorio. Unha das queixas maioritarias é a falta de acceso a unha banda ancha suficiente para traballar. Se non lle dás isto, non lles queda máis remedio que moverse. A Fegamp estará á altura. 

Alfredo García dicía que quedaran dous retos: Pacto da Auga e franxas. Haberá solución? 

Sobre o Sogama da auga, o que ten que ver a Xunta é que non pode impoñer a concellos e deputacións algo que lles están dicindo co que non están de acordo, iso non é un pacto, é unha imposición. Sobre a limpeza das franxas, é un exemplo máis dunha competencia que se trata de cargar aos concellos, aínda que se conseguise que unha parte a pague a Xunta, hai que seguir falando, porque non imos dar abasto. 

Te puede interesar