Tenente de alcalde de Ourense

Andrés García Mata: ‘Acabar coa marca da Tenencia sería como renunciar a sermos concelleiros do BNG’

Andrés García Mata, na Praza do Trigo, onde está a Tenencia de Alcaldía.  (Foto: Xesús Fariñas)
Comezou o mandato como concelleiro de Infraestructuras e chega ó seu ecuador convertido ademais en tenente de alcalde, despois da renuncia de Alexandre Sánchez Vidal. Andrés García Mata defende a xestión do bipartito e a transformación que, asegura, está a facer dos barrios da cidade. Por iso lle preocupa que, a pesares diso, a súa formación política, o BNG, perdera apoio electoral nos dous últimos comicios.
Que balance faría destes dous anos de goberno?

Hai que dicir que unha parte moi importante do programa electoral do BNG está executado ou en execución. Estoume a referir a Ourense capital termal, ó compromiso cos barrios, onde se están facendo moítisimas intervencións, e a execución de todo o que tiñamos pendente do Urban. No terreo máis político, creo que está consolidado o goberno municipal, que funciona con total normalidade.

Que van ver os ourensáns dentro de dous anos que non había hai dous?


Imos inaugurar a oficina de recepción do visitante. Calquera persoa que vexa esta oficina e a que tiñamos do goberno anterior, verá que é a noite e o día. Esto é o futuro. Tiñamos unha cidade triste, que non era coñecida e non tiña entusiasmo polos proxectos que estaba a realizar. O que puxemos enriba da mesa foron moitas cuestións que van axudar a que a xente viva mellor en Ourense e que Ourense sexa máis vendible desde o punto de vista de atracción.

Non fala de grandes proxectos...


Eu creo que o máis importante son as pequenas cousas, e as non tan pequenas, que teñen que ver co día a día da xente. Esta é unha cidade que fóra do centro, o resto estaba abandonado, e neste mandato ó que nos adicamos é a poñer en valor estas zonas, que queremos revitalizar para que a xente as use para vivir e non so para ir durmir. Esa é a diferenza. Defendemos que as infraestructuras que van marcar o futuro da cidade teñan encaixe neste modelo de cidade e eso ten que ver co que se está facendo noutras áreas do goberno, como a Ronda Bulevar, o Campus, o cambio no trazado do AVE...

As obras nos barrios están xerando problemas ós veciños.


Sempre que se executan obras se crea malestar. Nós o que facemos sistematicamente é presentar os proxectos antes de comezar a súa execución e o que podo dicir é que en máis do 90% dos proxectos que presentamos temos os parabéns dos veciños. Entre outras cousas, porque é a primeira vez que se pón en práctica a participación cidadá e tamén que se fan intervencións nesas zonas. Nós para facer eso tiñamos que planificalo e obter uns recursos porque non chegaba o orzamento municipal e tivemos a capacidade de, en pouco tempo, atraer recursos. Eso é determinante e a xente, cando empece a ver os resultados, verá unha cidade moi cambiada.

Afectará o cambio na Xunta ós proxectos en marcha?


Nas relacións institucionais temos que ser moi serios, independentemente das forzas políticas. O Concello tiña uns compromisos coas consellerías da Xunta e eso son documentos que obrigan ás partes. Nós tiñamos uns compromisos en Infraestruc turas, Vivenda, Urbanismo... eso tense que seguir mantendo. Non é válido que o voceiro municipal do PP diga que o protocolo que asinaran o conselleiro de Industria e o tenente de alcalde para a reforma da Praza de Abastos é papel mollado. O protocolo non é un convenio pero si establece uns compromisos.

Cre que o PP municipal lles facilita as relacións coa Xunta?


O que está claro é que en Ourense algunha xente estamos a construir, a planificar e a atraer investimento e hai outra xente que está a destruir, a entorpecer as relacións institucionais e a impedir que veñan orzamentos. Pensamos que hai que axudar a que a cidade tire para adiante, polo que hai que manter os compromisos. O que lle digo ó PP e ó seu voceiro é que non so hai que dicilo senón tamén facelo. Exemplos coma o do reparto dos fondos para contratar parados son indicadores moi claros de por onde vai o PP.

Vai ter repercusión no goberno a saída de Sánchez Vidal?


Eu creo que non. Alexandre foi un extrordinario concelleiro, tanto na oposición coma no goberno, e por unha decisión tanto persoal como colectiva deu o paso para favorecer un recambio no sentido de que o mandato fóra mellor. Nós como organización o aceptamos e agora estamos nunha etapa nova que pensamos vai ser positiva e creativa para a cidade.

Ten pensado dar un xiro á Tenencia de Alcaldía?


A Tenencia nace no mesmo pacto de goberno co PSOE. En torno a ela e as áreas xestionadas polo BNG centramos a nosa acción política. Nalgúns momentos se magnifica máis e noutros menos, pero hai que ter en conta que temos unhas áreas que están producindo moitísima xestión e pode eclipsar a algunha outra parte do goberno. Nós non o facemos para eso senón todo o contrario. Pensamos que a cidade ten un goberno con dúas forzas políticas que colaboran e son trasversais, pero a Tenencia de Alcaldía xoga o seu papel para dicirlle á cidadanía a verdade: que este goberno está formado por dúas forzas políticas.

Deduzo que non se prantexa abrir un debate sobre a continuidade da marca.


Non, porque eso sería o mesmo que renunciar a sermos concelleiros organizados do BNG. Nós, aparte de concelleiros, nos presentamos ás eleccións baixo unhas siglas. Ademais, a cidadanía o sabe. Este é un debate que interesa a algunha xente que quere entorpecer a imaxe e a acción de goberno. Nós dicimos que funciona, tanto as áreas que xestiona o BNG como o PSOE están xerando moita xestión. A relación do alcalde co tenente de alcalde sempre foi boa e cando houbo que aparecer conxuntamente para defender ó goberno así ocorreu sempre.

Cos resultados dos últimos comicios, que vai pasar co BNG nas próximas municipais?

É certo que tanto nas autonómicas como nas europeas perdemos apoios na cidade e esto nos preocupa. Tamén é certo que cada elección é diferente pero si que estamos preocupados porque estamos traballando moito, estamos ilusionados, fundamentalmente porque cremos no que estamos a facer. Quizais temos que intentar que a xente coñeza mellor o que facemos, dentro de que si que temos unha comunicación bastante fluída cos veciños.

A CLAVE PERSOAL

De non ser médico nin político, que lle houbera gustado ser?

Eu tiven moitas dúbidas cando tiven que elixir entre Arquitectura e Medicina e ó final elexin a Medicina, probablemente por tradición familiar.

Asi que o de adicarse a Infraestructuras é como satisfacer unha débeda pendente.

Non (risas), eso foi unha circunstancia política, non tiña nada que ver.

Cales son as súas aspiracións políticas?

Que este mandato sirva para facer política contando coa xente e poñendo os proxectos por riba da mesa. A nivel persoal, non teño ningunha aspiración política. Estarei ata que tanto a organización coma min consideremos que podo aportar algo e no posto que se designe nese momento.

Espéllase nalgunha cidade para facer proxectos aquí?

Temos unha cidade con moitas posibilidades. Hai cachos de cidades espectaculares, como o casco vello de Salamanca, moi bonitos alí pero non exportables aquí. A verdade é que Ourense é especial, con zonas moi diferentes e a min gústame moito.

A que adica o tempo libre?

É moi escaso e intento compatibilizar coa familia, os amigos. Tamén me gusta a lectura, a música, o cine.

Se se perdera, onde habería que buscalo?

Hai moito que non fago deporte por falta de tempo. A min gústame a bicicleta de montaña e eso de madrugar e perderte polos montes de arredor é moi agradable.



Te puede interesar