entrevista

Araújo: "Que poñan os temas importantes na mesa, estaremos á altura"

José Araújo, número 1 de Ciudadanos  en Ourense (XESÚS FARIÑAS).
photo_camera José Araújo, número 1 de Ciudadanos en Ourense (XESÚS FARIÑAS).

Outro dos que entra no Concello é Ciudadanos, que irrompe con dous concelleiros e que aínda confía en ter tres. José Araújo sabe da súa condición de forza chave e pide que lles poñan sobre a mesa cuestións claves para decidir que van facer

Con dous concelleiros fai unha lectura positiva destes resultados?

Hai que valoralo positivamente, pero nós non descartamos ter o terceiro. Quedan unhas mesas e non se descarta. Partimos de cero e hai que facer unha lectura positiva tanto na cidade como na provincia. Conseguiuse unha representación moi interesante

O PSOE foi a forza máis votada. Colaborará Ciudadanos para formar goberno?

Agora toca reflexionar e escoitar todas as propostas que se poñan sobre a mesa. Primeiro faremos unha reflexión interna, unha reflexión de partido que, por razóns obvias, aínda non puidemos facer. A partir de aí, escoitaremos calquera proposta. Non nos cerramos a ninguén nin a ningún tipo de escenario. 

Contempla Cs a entrada no goberno municipal, apoios puntuais?

Non descartamos ningún escenario agora mesmo. Hoxe non descartamos ningunha posibilidade , iso é o que agora mesmo podemos dicir. 

E que escenario se contempla na Deputación? Ciudadanos perfílase como forza chave en caso de que non haxa maioría absoluta...

Tampouco se descarta ningún escenario. En xeral, nin na cidade nin na Deputación. 

O alcalde, Jesús Vázquez, dixo que exmilitantes populares intentaron romper e desmontar o PP local. Séntese aludido?

Xa o dicía o lema da campaña, "Se Ourense quere...". E Ourense non quere e non quixo. En todo caso, sobre os resultados doutros partidos non teño por que opinar. Quen debería opinar é a militancia. Eu non son quen de opinar sobre unha cuestión así. Está claro que o PP na cidade o está a facer francamente mal e os resultados recolleunos onte. 

Vostede non se sente culpable en ningún caso, como se deixou entrever?

Aí teñen que facelo ver e aclararse, se eu era moi bo ou era moi malo. Se era moi bo e me fun e perderon, ou se xa era moi malo, que entón ao irme fíxenlles un favor. Que o miren. 

De vostedes dependen moitas cousas. Cre que haberá goberno estable?

Como non descartamos nada, o que imos pedir é que nos poñan enriba da mesa que teñen pensado facer nos temas importantes. En base a iso, tomaremos decisións. 

Que é o importante, o urxente, o inmediato?

O importante é sacar á cidade do actual estancamento. Agora mesmo é importante reactivar economicamente Ourense, e para iso hai que facer moitas cousas. Hai que aprobar un presuposto, un plan xeral  de ordenación municipal, hai que pór en valor a oferta turística e termal... Todo iso é o que se ten que facer. Que nos veñan con eses temas sobre a mesa e estaremos á altura. 

Non se poñen vetos?

A educación, o respecto aos funcionarios, o respecto aos maiores. Iso si nos parece fundamental. 

Entendo que se refire en parte a Jácome... 

O alcalde faltoulle ao respecto aos funcionarios permanentemente tamén, non foi só Jácome. 

Te puede interesar