Corresponden á axuda concedida para as obras na canceira e básase en que non se pagou á empresa por adiantado

Unha auditoría obriga ó Concello a devolver 250.000 euros á Xunta

Unha auditoría encargada pola Xunta de Galicia reclámalle 250.000 euros máis intereses ó Concello do Carballiño.
O concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo García, afirma que a empresa auditora, que examinou as obras realizadas e pagadas para a canceira municipal, conclúe que 'non se fixeron os pagos á empresa constructora por anticipado e que se esperou a recibir a subvención. Algo lóxico, porque non estamos a falar de pequenas cantidades que puidera asumir o Concello', apunta o edil. Nembargantes, o portavoz do grupo municipal do PP, Argimiro Marnotes, asegura que é consecuencia 'dunha mala utilización de fondos públicos, pois estamos a falar de cartos que se tiñan dado ao Concello por medio da Consellería de Medio Ambiente, sendo Manuel Vázquez conselleiro, para a construcción da canceira'.

Para o PP, 'o asunto resulta de gran gravidade, pois aparte de ser un perxuizo económico de gran calado neste intre para o Concello, evidencia o que se viña denunciando dende hai meses, dende o acontecido na propia canceira cando se tiña denunciado a morte dun número elevado de cans nunha fosa'. O portavoz lembra que foi daquela cando se fixo pública a precariedade das instalacións.

Marnotes asegura que hai unhas semanas 'fíxose por parte da Xunta unha auditoría sobre esta obra, as súas certificacións e as súas facturas, que derivou na reclamación que Facenda fai ao Concello do Carballiño de 250.000 euros'.

O alcalde, Carlos Montes, manifestaba que 'oficialmente non sei nada'. O rexidor afirma sentirse sorprendido porque 'cando remitimos á Xunta as certificacións das obras en Secretaría dixeron que todo estaba correcto'. Non obstante, os populares insistiron en que o grupo de goberno debe dar explicacións sobre esta reclamación.

Te puede interesar