Besteiro: "O debate entre Rajoy e Sánchez será clave para que os cidadáns vexan un novo presidente"

“Onde está escrito que o PP teña que gañar en Ourense?”, preguntou o socialista durante o mitin no Barco

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, participou esta noite nun mitin no Barco no que destacou o debate entre Rajoy e Pedro Sánchez como “clave para que os cidadáns vexan un novo presidente” e “a única alternativa válida para que non goberne Rajoy”. O socialista, que ensalzou a figura e a xestión de Alfredo García, alcalde do Barco e presidente da Fegamp, chamou a obter uns bos resultados na provincia. “Onde está escrito que o PP teña que gañar en Ourense?”, preguntou.

Besteiro censurou as últimas propostas de Ciudadanos, como que os profesores non sexan funcionarios ou a intención de eliminar penas específicas para a violencia de xénero da “dereita desteñida”, que é igual que o PP, a quen “parece que o programa de igualdade o redactou Baltar"

Por outra banda, Gómez Besteiro lamentou a “insensibilidade” dos dirixentes do PP, que “non están neste mundo”. O líder dos socialistas galegos criticou que a conselleira de Medio Rural diga que “as manifestacións do lácteo non veñen ben porque coinciden coa campaña electoral”, mentres a de Pesca asegura que “non entende por que os mariñeiros do cerco seguen protestando”. Besteiro sinalou o problema demográfico e de ocupación de territorio e “o risco do sistema público de pensións despois de que o PP sacase en catro anos a metade dos cartos da hucha que deixaron os socialistas”, e destacou que o PSOE “non sacou nin un euro” que puxera en risco este fondo de reserva “nin nos peores momentos de crise”.

Te puede interesar