Cultura

A Biblioteca Pública loce por fin "Nós" como nome oficial

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura; Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense e Antón Vidal, presidente da editorial Galaxia, onte la presentación da colección de Nós (ÓSCAR PINAL).
photo_camera Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura; Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense e Antón Vidal, presidente da editorial Galaxia, onte la presentación da colección de Nós (ÓSCAR PINAL).
O ano do centenario da revista péchase coa reedición de dez obras referentes do grupo de intelectuais

A Biblioteca Pública de Ourense xa se chama oficialmente Nós, xusto un ano despois da súa inauguración. O nome que escolleron os cidadáns a través dunha votación popular loce á entrada desta infraestrutura na que onte se presentou unha colección de dez obras dos autores máis representativos da xeración que deu vida á revista que cumpriu cen anos en 2020. Un broche de ouro cunha decena de títulos reeditados pola Xunta en colaboración coa editorial Galaxia. Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, subliñou a "referencia fundamental" dun  colectivo de intelectuais que "naceu en Ourense e dende aquí se expandiu a Galicia". Manuel Baltar, presidente da Deputación provincial, destacou á xeración capaz de "poñer no seu lugar a Galicia" e apostou por un 2021 "coa obriga de seguir falando de vangarda".

Antón Vidal, presidente da editorial Galaxia, presentou a colección de Nós. Os títulos son "O esquecedor mentor de Nós", de Antón Losada Diéguez; "Teoría do nacionalismo galego" e "Leira", de Vicente Risco; "Polos vindeiros da saudade", "Entre a vendimia e a castañeira" e "O Señorito da Reboraina", de Ramón Otero Pedrayo;  "Vicente Risco", de Carlos Casares; "Co pensamento na patria", de Antón Vilar Ponte; "Antífona da Cantiga", de Ramón Cabanillas; e "Diario 1921", de Castelao.

"Son os primeiros libros da Biblioteca Nós, unha xeración decisiva, que tivo unha dimensión nacionalizadora e unha integración na cultura europea", dixo Vidal, que definiu Galaxia como "a sucesora de Nós, potenciando a característica da modernidade". 

Tódolos representantes institucionais fixeron no acto un guiño á palabra do ano da Real Academia Galega, que non foi outra que Nós, a xeración e a revista centenaria que modernizou Galicia.

A gran exposición sobre o universo dos intelectuais chega a Ourense en febreiro

A presentación da colección de libros de Nós enmárcase nos actos da Consellería de Cultura para homenaxear á xeración e á revista que imprimiu, hai 100 anos, os seus primeiros 15 números no obradoiro de La Región. O seguinte acto, aínda que sexa xa en 2021, é a gran exposición de Nós. "Galicia, de Nós a nós", que se exhibiu no Gaiás de Santiago, chega a Ourense o próximo 18 de febreiro. A exposición, que fai un percorrido pola historia deste grupo de intelectuais e da revista con xerme en Auria, estará no centro cultural Marcos Valcárcel durante tres meses. É unha das grandes apostas culturais da cidade para o 2021, coincidindo co Xacobeo. Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, engadiu que "en Ourense estará a mostra de xeito mellorado". En Santiago recibiu a visita de máis de 10.000 persoas, dato que puxo en valor o titular autonómico de Cultura. "Nós deixou un legado cultural de primeirísimo nivel", comentou.

Na mesma liña, o presidente provincial, Manuel Baltar, apostou porque o 2021 "e os seguintes anos, sexan sempre da xeracón Nós. Este grupo de intelectuais foron quen de estudar o a tradición e analizala científicamente". 

Te puede interesar