O BNG solicitará unha comisión de investigación

Ana Pontón, voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, desprazouse onte ata o encoro do Bao para sinalar que o baleirado dos encoros ourensáns débese á “usura das eléctricas”.  A concesionaria, Iberdrola, reduxo un 20% de auga nesta presa en tres semanas.

Pontón anunciou que o BNG solicitará a apertura dunha comisión de investigación na Cámara autonómica para determinar por que dende a Xunta non se evitou esta situación.  “É moi grave o que estamos vivindo coa estafa da luz e a xestión dos nosos encoros e é necesario que o Parlamento galego investigue esta estafa e este atentado medioambiental”, afirmou.

O BNG, segundo Pontón, pretende obter respostas a varias preguntas nesa comisión:  “Por que a Xunta, que coñecía por dous emails que se ía producir o baleirado, non actuou? Por que está permitindo que as eléctricas estean baleirando os nosos encoros e danando o medio natural sen que se faga nada? Por que a Xunta modificou a lei vinculada coas penalizacións ao sector eléctrico pola xestión dos nosos ríos para rebaixar nun 90% as sancións?”. 

Te puede interesar