Tribuna

O cine e a Coral De Ruada

En Gustei, Ourense, a 4 de setembro de 1925. Para a película “A Virxen d’o Cristal”. Bailando: María Fernández e Virgilio Fernández.
photo_camera En Gustei, Ourense, a 4 de setembro de 1925. Para a película “A Virxen d’o Cristal”. Bailando: María Fernández e Virgilio Fernández.
A Coral De Ruada tivo unha importante participación nalgunhas filmacións que se levaron a cabo na provincia

Co gallo da recente celebración do Ourense Film Festival publicouse o interesante libro “Ourense plató de cine. Filmado en Ourense. Longametraxes de ficción 1926-2021”, a cargo de Miguel Anxo Fernández. Ademais, no Centro Cultural Marcos Valcárcel pódese visitar a exposición “Atención, rodamos en Ourense!”, da que tamén se editou un catálogo en forma de tríptico. Como queira que a Coral De Ruada tivo unha importante participación nalgunha destas filmacións, vou referirme a elas co único obxecto de complementar a información ofrecida no libro e no catálogo mencionados.

“La Virgen de cristal” (1926) -iniciada polos irmáns Manuel e Saturio Lois Piñeiro e rematada por José Busch Echeandía- é un filme que se rodou, tal como nos indica a ficha que se nos ofrece no libro, en Vilanova das Infantes, Allariz e Madrid. Pero segundo o arquivo particular dun dos fundadores da Coral De Ruada, o gaiteiro Virxilio Fernández, tamén se rodou en Gustei, concretamente o 4 de setembro de 1925 e participaron na rodaxe os membros da Coral De Ruada, como se pode comprobar na fotografía (asinada por Xesta) do citado arquivo, con texto explicativo do propio Virxilio no que indica que a parella que bailaba a pandeirada estaba formada por el mesmo e María Fernández. Na Coral dispoñemos desta mesma foto a gran tamaño, coloreada e enmarcada. A gran foto en branco e negro que aparece na parte interior do catálogo da exposición foi tomada no mesmo lugar, como se pode ver de xeito moi doado.

A Coral De Ruada non participou na rodaxe de “Carmiña, flor de Galicia” (1926), de Cesare Rino Lupo, pero si tivo unha importante participación na proxección da mesma no teatro Principal de Ourense os días 29 e 30 de decembro de 1927, interpretando en directo distintas pezas musicais, tal como se pode ler nas distintas crónicas e anuncios publicados en La Región os días 17, 18, 21, 22, 23, 28, 29 e 30 de decembro. Algo semellante fixeron os coros galegos das cidades por onde pasaba o filme (Queixumes dos Pinos de Lavadores, en Vigo; Cantigas e Agarimos, en Santiago; Cántigas da Terra, en A Coruña; Toxos e Froles, en Ferrol...). O 7 de novembro de 2014, no mesmo teatro, a Coral De Ruada quixo relembrar este espectáculo e fíxoo poñendo música en directo á proxección do filme e publicando o folleto conmemorativo que se pode ver nunha das vitrinas da exposición. Despois levouse o espectáculo a Allariz, Amarante (Portugal), Ourense -outra vez- e A Rúa del Valdeorras.

Tamén levaba música da Coral De Ruada a curtametraxe “El carro y el hombre”(1940), dos ourensáns Antonio Román e Xaquín Lorenzo, pero o orixinal estragouse e realizouse unha nova versión en 1980 co título “O home e o carro” -a partir dun copión mudo atopado no Museo Arqueolóxico- na que se substituíu a música de De Ruada por ...funcionais “collages” de temas clásicos, con texto e locución de Xoaquín Lorenzo.

Na curtametraxe “Ruta de Orense” (1956), de Amador del Villar, rodada en Oseira, tamén puxo a parte musical a Coral De Ruada.

Coral De Ruada de Ourense, Cántigas da Terra de A Coruña, Coral Polifónica de Pontevedra e a Banda Municipal de Lugo puxeron a música á longametraxe documental “La tierra de nuestros mayores” (1960), de Manuel Arís Torres, rodada en varias lugares de Galicia, se ben é certo que non teño confirmado que se rodase na nosa provincia.

Nos NO-DO (Noticiarios e Documentais duns dez minutos de duración que se proxectaban obrigatoriamente nos cines dende primeiros de 1943 ata 1977, seguíndose a proxectar con carácter voluntario ata mediados de 1981) a Coral De Ruada ten presencia constatada no noticiario de 5 de xullo de 1954 (NOT BC 600-A) con motivo das festas do Corpus da nosa cidade, podéndose ver a carroza da Coral De Ruada, na batalla de flores, pola rúa do Progreso. Ademais, a introdución de muiñeira para o “Alalá das Curuxeiras”, gravado por De Ruada en 1929, pódese escoitar como música de fondo e acompañando a varios grupos folclóricos en polo menos tres NO-DO (NOT BN 6, de 1943; NOT BN 18, de 1943 e DOC BN 147, de 1944). Así mesmo escóitase a De Ruada no documental “Orense” realizado por Juan Manuel de la Chica en 1971 (DOC COL 1001) que se inicia coa introdución de zanfona das “Cantigas de cegos” de Faustino Santalices e no que tamén se pode escoitar a “Pandeirada de Espadañedo” cantada por De Ruada co acompañamento inconfundible do gran Chuti coa pandeireta. Finalmente, no documental turístico sobre Ourense do 31 de xullo de 1972 (NOT COL 1543) pódese escoitar, no inicio, a Negra Sombra interpretada por De Ruada.

Te puede interesar