O editor Manuel Moleiro dirixe unha das empresas máis prestixiosas do mundo no eido da reproducción de códices, incunables e mapas antigos. O Centro Cultural acolle unha selección dos traballos da súa vida.

Códices antigos ao milímetro

Manuel Moleiro explícalle a Argimiro Marnotes, José Luis Baltar, Juan Carlos Fasero e Francisco González (Foto: Marcos Atrio)
O século XV marcou un antes e un despois na historia da humanidade.
Foi a mediados deses cen anos cando a imprenta cambiou as letras do coñecemento. Hoxe, un libro adoita producirse en serie, pero segue existindo quen repara neses pequenos detalles que marcan a diferencia entre un escrito e unha obra de arte. É o caso do editor Manuel Moleiro, natural de Cea pero afincado en Barcelona dende hai varias décadas, que dirixe unha das empresas de reproducción de códices máis prestixiosas do mundo. As edicións orixinais dos volumes que el minuciosamente copia pasan os días entre a máis delicada custodia que merecen as xoias bibliográficas e son de acceso imposible para a maioría. Pola contra, a tirada fixa de 987 exemplares que Moleiro edita, ofrécelle ós amantes da arte a posibilidade de percorrer a historia das letras e, sobre todo, das miniaturas.

Dende onte, o Centro Cultural da Deputación acolle unha selección dos mellores 'clons' realizados pola editorial do ourensán. A mostra '20 anos de mecenado, conservación e difusión da arte da miniatura' recolle máis de 30 exemplos do traballo de Manuel Moleiro, entre os que destacan títulos coma o 'Breviario de Isabel la Católica', o 'Beato de Liébana' ou o 'Tratado de Alquimia'. Durante a presentación, o editor afirmou que estes libros 'son exactamente iguais ós orixinais', co mesmo tacto e encadernación e ata o mesmo olor.

En tempos nos que o roubo de códices está de actualidade pola desaparición do Códice Calixtino, Manuel Moleiro salientou que foi posible reproducir estes volumes 'porque son os mellores do mundo' e chegaron a sobrevivir a 'roubos e saqueos'. Sobre este tema haberá unha conferencia o mércores día 14 co Pai Miguel Vivancos.


Ata o 8 de xaneiro. Entrada gratuita. De luns a venres: de 11 a 14 e de 17 a 21 horas. Fin de semana e festivos: de 17 a 20.30 horas.

Te puede interesar