CONCELLO DE OURENSE

O Concello ofrece clases de reforzo escolar a case 50 alumnos inmigrantes

O programa, posto en marcha no 1996, pretende involucrar ós pais no proceso de ensino para evitar así o abandono escolar

 

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Asuntos Sociais, conta cun programa de reforzo escolar do que se beneficiarán medio cento de alumnos procedentes de familias inmigrantes. O obxectivo desta iniciativa, xa posta en marcha no ano 1996, é guiar aos nenos nas súas tarefas diarias e ofrecerlles apoio tanto educativo como psicolóxico. Tamén se pretende que os escolares coñezan os servizos de becas que ofrecen as distinas administracións e instruir aos nenos nas distintas estratexias de estudo. Así o explicou a edil de Asuntos Sociais, Sofía Godoy: "Neste curso escolar queremos seguir traballando con poboación escolar inmigrante para evitar o abandono e o fracaso escolar".

Participan catro alumnos de Educación Infantil, 22 de Primaria, 16 de ESO, 8 de Bacharelato e 3 escolares que pretenden obter o certificado de lingua galega Celga 3. Para satisfacer as súas necesidades, o Concello ofrecerá asesoramento laboral aos alumnos maiores de 17 anos e ampliará o servizo de apoio a nenos de 5 anos debido ás peticións formuladas por parte dos pais. Neste novo curso preténdese incidir nun maior compromiso por parte dos pais e nais no proceso de ensino dos seus fillos así como no bo aproveitamento do servizo. Para iso, intensificarase o control sobre os usuarios do programa no cumprimento dos seus deberes escolares. Tamén se traballará por mellorar a coordinación entre os profesionais e os centros educativos que atenden a estes alumnos.

Con este servizo, o Concello intenta dar apoio á poboación inmigrante xa que nalgúns casos as carencias formativas chegan incluso ata á alfabetización básica. A súa integración escolar é un feito do que se derivan novas necesidades como garantirlles o ensino do galego e do castelán pero tamén aspectos relacionados có desarraiamento social e cultural dos alumnos. Por iso, o programa de reforzo de actividades escolares pretende poñer a súa disposición un servizo de calidade para aumentar a motivación dos participantes.

Te puede interesar