A Tribuna

Elías: o canteiro da escalinata da praza de San Martiño

undefined

Como todos vostedes saben, a contrución da escalinata da praza de San Martiño que dá acceso ao pórtico do Paraíso da catedral ourensá é relativamente recente, de hai uns corenta anos. Foi a culminación dun longo proceso que comezou co ambicioso -pero frustrado- proxecto do arquitecto porriñés Antonio Palacios Ramilo e rematou con outro moito máis modesto do madrileño Francisco Pons-Sorolla Arnau.

Francisco Pons-Sorolla (1917-2011) era fillo do pintor Francisco Pons Arnau e de María Sorolla García, a filla maior do recoñecido pintor valenciano Joaquín Sorolla Bastida. Foi un arquitecto moi recoñecido en España con importantes actuacións en varias cidades galegas, como Santiago de Compostela -colaborando con Manuel Chamoso Lamas- Pontevedra e Ourense.

O que case ninguén sabe é que o autor material da escalinata, é dicir, o mestre canteiro foi Elías. José Rodríguez Elías -a quen todos chamaban Elías pensando que era o seu nome de pila- era natural de A Escravitude (Padrón). Chegou a Ourense nos anos sesenta para facer o servizo militar no cuartel de San Francisco e asentouse na nosa cidade exercendo a súa profesión e creando, co paso dos anos, a súa propia pequena empresa de cantaría.

Elías viviu moito tempo no número 16 da rúa dos Fornos, enriba do Campante, o bar dos meus pais, converténdose nun veciño e cliente moi querido por nós. Un día chegou ao bar -moi emocionado e contento- cunha carpeta debaixo do brazo, abriuna e ensinounos os planos da escalinata da Catedral que lle acababan de encargar, explicándonos o importante que para el era este encargo. Nas semanas sucesivas foinos comentando as dificultades da obra, sobre todo das balaustradas, e o minucioso seguimento da mesma por parte de Pons-Sorolla. Inicialmente, a idea era copiar a balaustrada do balcón existente e así se fixo nos tramos horizontais da mesma, pero nos tramos inclinados o arquitecto deseñou os balaústres de tal xeito que seguisen a pendente das escaleiras, perdendo a perfecta simetría con respecto ao eixe central. Para solucionalo foi realizando patróns en cartón cos distintos perfís ata acadar o resultado desexado, o que non lle resultou nada doado. A meirande parte das escaleiras de pedra actuais (tamén as de madeira) fabrícanse en talleres provistos de aparellos manexados por control numérico. Os balaústres así obtidos son iguais e perfectamente simétricos, tanto nos planos horizontais como nos inclinados, recorrendo, a cuñas coa inclinación axeitada para resolver o problema do axuste cos planos superior e inferior. Elías e o seu equipo fixeron todo a base de punteiro, cicel, buxarda e maceta. O resultado está á vista de todos e valeulle no seu momento o recoñecemento e a felicitación de Pons-Sorolla.

Sirva este breve artigo como pequena homenaxe a Elías, gran canteiro e excelente persoa, e a tódolos canteiros, case todos descoñecidos, que fixeron posible que gocemos de moitas e moi boas obras en pedra (igrexas, pontes, edificios, escaleiras, fontes, rúas, cruceiros, escudos…) na nosa fermosa cidade.

Te puede interesar