“Galicia está quedando sen sistema financeiro'

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence.
'A crise financeira, as caixas e a alternativa do Bloque' é o título da intervención que o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, ofrece hoxe no Foro La Región. Será ás 20.15 horas no Centro Cultural da Deputación.
Defende a creación dun banco público galego. Que aportaría?
O desenvolvemento económico dun país é imposible sen un instrumento que canalice o aforro cara ó investimento. Nas circunstancias actuais e trala orientación da banca cara ó investimento especulativo, ese instrumento é a banca pública. É unha condición para que poida recuperarse a actividade económica e as empresas teñan crédito.

Sen embargo, non hai unha grande demanda ó respecto.
Eu creo que si a hai. Nos meus contactos coa cidadanía en xeral, e xente da empresa en particular, defenden claramente unha banca pública. Pero a opinión publicada está dominada polo discurso do PP, que desacredita a banca pública. O certo é que vexo unha contradición entre o discurso do empresariado a nivel particular e o discurso público das organizacións empresariais, que non fan bandeira do que defenden a nivel privado. E o discurso do PP está moi condicionado polo peso da gran banca e non polos intereses da economía productiva.

Podería terse evitado a situación de Novagalicia Banco se a fusión se fixese doutra maneira ou xa o impediu o ladrillo?
Houbo erros acumulados polas dúas caixas sobre todo a partir de 2002, que levaron a decisións irresponsables no investimento especulativo en ladrillo, maioritariamente fóra de Galicia. Pero tamén houbo unha decisión do Goberno central promovida polos grandes bancos para desmantelar o sistema de caixas de aforro. Agora estamos vendo as consecuencias, devastadoras para a economía productiva. E, por esta vía, Galicia estase quedando sen sistema financeiro.

Por iso defenden a tranformación de NCG nese banco público.
Neste momento é un banco no que o seu capital é propiedade do FROB, pedimos que esa entidade sexa transferida á Xunta para que se convirta de verdade nun banco público galego e empece a cumprir a súa función de xerar crédito e promover o investimento no país.

Como avalía a situación económica de Ourense?
Ourense precisa unha estratexia de política industrial e agraria que permita correxir o abandono do interior Para iso se necesita un cambio no goberno galego e tamén nas institucións provinciais, que teñen unha grande responsabilidade no que ven ocurrindo. Na provincia conformouse un poder político cómodamente instalado na xestión do declive. Ese é o drama de Ourense: a falta de visión política ambiciosa para o seu desenvolvemento, ante unha realidade que en si xa difícil.

Como van os seus primeiros meses á fronte do BNG?
Estamos empezando unha nova etapa con moita ilusión, coa necesidade de dar resposta a estas políticas neoliberais que están destruindo as conquistas da nosa sociedade nas últimas décadas en benestar, salarios, tecido productivo... Hai unha grande ilusión, ganas de cambiar as cousas, de erguer unha alternativa maioritaria para o país que poida ilusionar á maioría dos galegos e darlle a volta á situación.

Te puede interesar