A Hidrográfica mellorará o saneamento de Taboadela

Jose Antonio Quiroga e Álvaro Vila, na firma do convenio.
photo_camera Jose Antonio Quiroga e Álvaro Vila, na firma do convenio.
Un novo convenio de colaboración posibilita as obras de mellora do saneamento e da depuración das augas residuais no concello

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), e Álvaro Vila, alcalde de Taboadela, firmaron onte o convenio de colaboración que posibilita as obras de mellora do saneamento e da depuración das augas residuais no concello. O obxecto do acordo é determinar as condicións que rexirán a execución das obras e instalacións necesarias, a posta a disposición dos terreos e o réxime da posterior entrega ao Concello para o mantemento.

Pola súa banda, a CHMS licitará, adxudicará e xestionará os contratos da obra ata que esta estea rematada. Os traballos, que suporán unha inversión maior aos 700.000 euros -sufragados un 80% polo Estado a través da Confederación e un 20% polo Concello de Taboadela-, consistirán na construción de tres estacións de tratamento de augas residuais para o servicio en tres nucleos do termo municipal (Espiñeiro, Xociños e Vendanova). Ademais, tamén se realizará a conexión destas infraestruturas á rede de saneamento existente.

Por outra parte, tamén se executarán as actuacións que permitan conectar a outros tres núcleos (Veredo, Alto de Taboadela e Palacios) á rede de saneamento e á depuradora do municipio. 

Te puede interesar