O Hurbe mellorará catro municipios ourensáns

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou onte cos alcaldes de Riós, Francisco Armando Veiga; San Amaro, Ernesto Pérez; Melón, Manuel Alberto Pardellas; e Padrenda, Manuel Pérez, os catro primeiros convenios do Plan HURBE. A estas actuacións hai que engadir o convenio asinado co concello de Verín.
A actuación pretendida en Riós conta cunha achega por parte de Medio Ambiente dun total de 50.000 euros, consiste en realizar a execución dun firme asfáltico sobre o actual camiño e o acondicionamento do entorno da piscina e das súas instalacións complementarias. Ademais, realizaranse obras auxiliares de saneamento pluvial e delimitación do ámbito de actuación.
Os traballos a desenvolver centraranse na execución do pavimentado do ámbito de actuación mediante a colocación dun firme de formigón pulido para destinalo á zona de espallamento. Ademais, levarase a cabo un rematado do ámbito afectado pola piscina e as súas instalacións.
O departamento que dirixe Agustín Hernández colaborará de forma técnica e financeira co Concello de San Amaro. Achegarase un total de 151.000 euros para este proxecto cuxa clave consiste na rehabilitación e adecuación dos espazos públicos de Alemparte e Andrade. O obxectivo é a mellora destes lugares para uso e aproveitamento dos seus habitantes, o que contribuirá a mellorar a súa calidade de vida. As accións máis destacadas a levar a cabo consisten na pavimentación das áreas e prazas.
A Consellería aporta tamén 216.000 euros distribuídos en dúas anualidades para as obras de adoquinado e mellora de instalacións na rúa Calvo Sotelo, no Concello de Melón. Tamén se implantará unha rede separativa de saneamento de augas con tubaxe de PVC. A Xunta achegará a Padrenda 84.000 euros para a pavimentación da praza do núcleo de Lordelo. Esta mellora precisa dunha escavación de 1.260 metros cúbicos ao descuberto de material non apto para formación de chaira, incluíndo cascallos e material vexetal mesturado con terras.
En canto ó convenio con Verín, achegará 120.000 euros destinados ás obras de adecuación do entorno do centro sociocultural na Praza de Tamaguelos.

Te puede interesar