Entrevista

Muíño, do comité clínico: "Probablemente no verán relaxarase o uso da máscara"

O doutor José Luis Muíño, no centro de saúde de A Cuña. (Foto: Óscar Pinal)
photo_camera O doutor José Luis Muíño, no centro de saúde de A Cuña. (Foto: Óscar Pinal)
O coordinador do centro de saúde de A Cuña-Mariñamansa é asesor do comité clínico da Xunta

O comité clínico estase a reunir dúas veces por semana para adoptar as medidas oportunas para frear a transmisión do virus. Especialistas de todos os campos da sáude asesoran, neste caso á Xunta e a Consellería de Sanidade, en busca de solucións para minimizar o impacto da pandemia. José Luis Muíño, doutor de Atención Primaria no centro de saúde de A Cuña-Mariñamansa, é un deses sanitarios que emprega a súa experiencia para atallar esta situación, máis favorable nestes momentes ante unha posible cuarta onda que parece non chegar. Que esto aconteza, para Muíño depende do cumprimento das normas e que a xente non dubide en vacinarse, nunha campaña que xa comeza a amosar os seus resultados. 

Logramos cortar a cuarta onda desta pandemia? 

Estamos cunha menor incidencia que na terceira onda, que foi moi importante cunha forte subida dos casos e case baixamos á mesma velocidade que se ascendeu. A situación actual é a dun val, cunha moi discreta tendencia ascendente, prácticamente continuamos planos. Parece que as medidas restrictivas e a vacinación están favorecendo positivamente nestes datos.

A vacinación, é a gran ferramenta para freala? 

A gravidade da covid vai ligada á idade. Canto máis maior, tamén crece o risco, polo que ter vacinados a todos os que superen os 80 anos e unha parte importante dos maiores de 60, inflúe dunha maneira moi positiva. Aínda que algúns só recibisen a primeira dose,  xa se demostrou que é tremendamente eficaz. As vacinas evitan prácticamente ao 100% a mortalidade e reduce as posibilidades dunha infección grave, que é o que se busca. A transmisión tamén é menor entre as persoas inmunizadas. 

Tralo acontencido no Nadal, cambiaron algún criterio para adoptar restriccións?

Manexamos moitos, pero fundamentalmente fixámonos na incidencia a 14 días, a sete, a taxa de positividade e valoramos moito os ingresos, tanto en hospitalización convencional coma na UCI. Isto impórtanos porque o que máis nos asusta é que o sistema sanitario quede bloqueado por moito coronavirus.

Que ocorreu para que a terceira onda fose tan explosiva en Galicia? 

Galicia tivo un menor impacto na primera que na terceira onda, comparativamente. Ao inicio da pandemia non estivemos tan afectados como no conxunto de España, tampoco nesta última, pero o volumen de contaxios e de ingresos foi moito maior tralo Nadal que naqueles primerios meses.

No Nadal relaxáronse as medidas e logo viñeron os contaxios. Aprendeuse diso para Semana Santa? 

Son dúas festas diferentes. O Nadal é familiar, mentres que a Semana Santa, a pesares de que tamén se vive así, non se fai do mesmo xeito. Todo o que aconteceu en xaneiro foi polas xuntanzas familiares entre non convivintes, que é o maior risco de todo ao pasar moitas horas en espazos pechados comendo e falando. Aprendimos, loxicamente, e adoptamos medidas máis restrictivas. De todos modos, Semana Santa tampouco é como o Nadal.  

É cada vez máis importante a ventilación dos espazos? 

Estar ao aire libre é a mellor recomendación, pero se non é posible,  ten que haber ventilación. Agora sabemos máis e coñecemos da súa importancia, polo que precisamos facelo con frecuencia, case mellor se é permanentemente, e con dúas xanelas cruzadas abertas. É transcendental que circule o aire, cousa que non sabiamos ao principio da pandemia. Aprendemos que non só necesitabamos estar a 1,5 metros de distancia e que as supercies, aínda sendo importantes, teñen moitísma menos importancia que ao principio. 

A limitación da mobilidade e da vida social son os recursos máis efectivos para reducir os contaxios. 

Como din algúns, este é un virus social. As decisión que tomamos son difíciles e impopulares, somos conscientes diso e do impacto económico que teñen. Somos solidarios coa hostalaría e co que están a sufrir, pero non quedaba outro remedio que tomar unhas decisións para controlar esta pandemia. Estas medidas non só as tomamos nós, tamén se fixo noutro países. O descenso dos casos unha vez que se adoptan son o reflexo, porque diminúe a interacción social.

A poucos días para que remate o estado de alarma. Hai preocupación polas limitacións que poderán aprobar? 

Hai unha preocupación relativa. Temos xuristas dentro do comité e buscaremos solucións que se axusten á lei. En caso de que a mobilidade se tivese que reducir, os expertos do dereito estudarán as posibilidades para poder facelo. Agora mesmo non hai solución sobre como se xestionará, continuaremos facendo recomendacións e que eles estuden o aspecto lexislativo.

No comité clínico, xa se está a falar de como será o verán? 

É cedo para plantexalo, pero eu son optimista co que está acontecendo agora. Galicia, especialmente, e o conxunto de España, tampouco subiron tanto os indicadores como foi na terceira onda. Isto, xunto coa vacinación, que avanza con bo pasos, e a capacidade que ten a nosa Atención Primaria para poñer vacinas, é tremendamente favorable para relaxar algunhas medidas de cara ao verán. En interiores teremos que seguir empregando a máscara e en exteriores probablemente podamos relaxarnos un pouco.

Para conseguilo é importante que a poboación se vacine.

Evidentemente, e son vacinas que funcionan. Hai que perder o medo, especialmente coa vacina que se fixo tan impopular, que é a de AstraZeneca, cando é tan válida coma as outras. Despois de tantos cambios, agora somos máis optimistas coa campaña de vacinación, porque están chegando as doses dunha maneira axeitada e fai que a capacidade nestes intres sexa importante. Canta máis xente se vacine, mellor será para o conxunto da poboación porque a circulación do virus será menor. 

A importancia da Atención Primaria quedou patente dende o inicio da pandemia, serviu para reivindicarse?

Os centros de saúde son os que están a levar a maior parte dos casos de coronavirus, a pesar de que o que acontece nas UCI é o máis trascendente. Os contaxiados que estiveron nas súas casas baixo un seguimento domiciliario teñen un control por parte dos seus médicos e enfermeiros de familia. Fíxose unha labor impresionante, adaptando os centros para a atención dos pacientes con sospeita onde os atendían profesionais especializados. Agora xa facemos nós mesmos test de antíxenos, con resultados inmediatos, polo que a nosa atención a estes casos con dúbidas, mellorou moi rápido. Atención Primaria foi capaz de adaptarse con velocidade a todos os cambios. 

Te puede interesar