Unha escola de baile ourensana ofrece, de balde, 15 prazas nun curso de fitness destinado a persoas en paro.

Liberar tensións con ritmo e de balde para desempregados

Una clase de baile en la escuela Sabrosura. (Foto: Xesús Fariñas)
En tempos de complicación económica son varios os establecementos solidarios con aqueles ós que a crise deixou sen ninguha fonte de ingresos. Algúns restaurantes ou teatros fan descontos importantes para eles ou incluso os convidan a gozar dos seus servizos. En Santander, por exemplo, unha tenda fíalles productos alimentarios e de limpeza ós veciños ata que poidan pagalos. Agora, en Ourense, non existirán tampouco as excusas para non desfacerse dos excesos gastronómicos do Nadal.
Fitness para desempregados. Isto é o que propoñen dende a escola de baile Sabrosura con só demostrar que a cartilla do paro se ten ó día. Os directores do centro decidiron poñer en práctica a máxima que reza que o exercicio físico axuda a liberar tensións. E, sen dúbida, son moitas as que poden chegar a acumular as persoas en situación de desemprego. 'Queremos que a xente se evada dos seus problemas e que coa actividade de fitness descarguen tódalas enerxías negativas que poidan ter'. O que afirma isto é o director da escola, Xavier Vega, un dos promotores da iniciativa.

Serán un total de tres meses de curso con posible prolongación, dependendo do interese dos asistentes e do éxito da idea que lles dá ós desempregados a opción de practicar actividade física.

O número 12 da rúa Benito Vicetto (na zona universitaria) é o lugar a onde deben dirixirse os interesados. A escola de baile Sabrosura ten alí as súas instalacións e é o único punto onde poden formularse as inscripcións para os cursos de fitness, que estarán abertas ata final de mes no caso de que as 15 prazas que ofertan non se esgoten antes.

A orde de entrada no curso non será máis que a simple orde de inscripción, con preferencia para aqueles que nestes momentos non estean a cobrar ningunha prestación por parte das administracións. Pero se alguén chega á sede de Sabrosura e ve que as prazas xa foron cubertas, que non deixe de anotarse. 'Deixaremos unha serie de reservas, que poderán entrar no curso se a algún dos que está lle sae un traballo', en palabras de Vega.

A monitora encargada de impartir as clases de fitness, Ana Raposeira, sostén que 'o desemprego favorece a obesidade'. É por iso que anima a todos os que reúnan as condicións a acudir ás súas clases, que mañá, mércores, darán comezo. Os horarios están tamén adaptados ás persoas sen emprego; deste xeito, o curso desenvolverase os mércores e venres de 12.00 a 13.00 horas.

Dende Sabrosura non descartan abrir o abano de cursos para desempregados a outras das actividades que ofrecen se esta que agora propoñen funcionase. En calquera caso, os seus prezos non son prohibitivos, chegando a acadar os 30 euros ó mes, como máximo. A duración máxima de cada un dos módulos da escola de baile de Benito Vicetto é de tres meses. É por iso que os ourensáns poden gozar dos seus servizos por 90 euros, no máis caro dos casos.

Te puede interesar