Os mellores expedientes do Grao en Turismo terán premio

Manuel Baltar, presidente da Deputación, á esquerda, co rector da UVigo, Manuel Reigosa, na firma do convenio.
photo_camera Manuel Baltar, presidente da Deputación, á esquerda, co rector da UVigo, Manuel Reigosa, na firma do convenio.
A contía máxima será de 900 euros por persoa e 450 adicionais para dez estudantes de novo acceso

A Universidade de Vigo convocou 45 bolsas para o alumnado matriculado no curso 2022/2023 no Grao en Turismo ou no programa conxunto (PCEO) dos graos de Turismo e Xeografía e Historia no campus de Ourense. Froito da colaboración entre a institución académica e a Deputación de Ourense, a contía será de 900 euros para cada estudante seleccionado e 450 adicionais para os mellores expedientes de acceso, tendo prioridade o alumnado que inicie estudos.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro dun convenio de colaboración asinado en marzo entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense para a o fomento de actuacións universitarias de promoción da formación en turismo no campus de Ourense e que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia. O obxecto destas axudas, tal e como recolle a súa convocatoria, é contribuír a sufragar o custo destes estudos e, deste xeito, contribuír tamén á promoción da formación de profesionais do sector turístico na provincia de Ourense.

 A iniciativa, apunta neste senso Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da UVigo, xorde tendo en conta que “dada a riqueza natural, patrimonial e cultural de Ourense, é necesaria a presenza de bos profesionais do sector turístico para favorecer e mellorar a calidade turística da provincia”.

45.000 euros dispoñibles

Segundo explica Natalia Caparrini, estas bolsas supoñen “unha moi boa oportunidade para atraer estudantado ao campus de Ourense, en xeral, e ao Grao en Turismo, en particular, e que estudantes que, por falta de recursos económicos non poden permitirse realizar un grao fóra da súa contorna familiar, poidan dispor dunha axuda para cubrir gastos de desprazamento, manutención ou residencia, por exemplo”. 

O orzamento destas axudas ascende a un total de 45.000 euros e a contía máxima para cada estudante seleccionado será de 900 euros. Ademais concederase unha contía máxima de 450 euros adicionais para nove estudantes coa mellor nota de acceso no curso 2022/2023 no Grao en Turismo e para un estudante coa mellor nota de acceso no PCEO Grao en turismo-Grao en Xeografía e Historia.

Esta axuda é compatible con calquera outra axuda e, en concreto, coa bolsa de carácter xeral para o curso académico 2022/2023 do Ministerio de Educación e Formación Profesional. O importe das bolsas, recolle a convocatoria, en ningún caso poderá ser de tal contía que, de xeito illado ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o coste da actividade subvencionada. 

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 17 de outubro de 2022. A selección das persoas beneficiarias será efectuada por unha comisión. No caso do alumnado que inicia estudos terase en conta a nota de acceso ao grao e, no caso de alumnado que continúa estudos, a nota media do expediente académico. En todo caso, sinálase na convocatoria que terá preferencia o alumnado que inicia estudos de grao en primeiro lugar e do programa conxunto en segundo lugar, fronte ao alumnado de continuación dos seus estudos.

Participativo e internacional 

Para o curso 2022/2023, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense oferta en primeiro curso 45 prazas no Grao en Turismo e dez no do PCEO Turismo e Xeografía e Historia. Estas bolsas beneficiarán ó alumnado e a contorna socioeconómica, e desde o centro animan os estudantes que acaban de rematar a ABAU a que coñeza as oportunidades que lle brindan estes estudos. O campus e a cidade de Ourense, salientan, “son perfectos para vivir a experiencia universitaria” e neste contexto, engaden, o Grao en Turismo sobresae polo seu “carácter participativo, internacional e dinámico” e por darlle ao seu alumnado un gran protagonismo no desenvolvemento da actividade do centro. 

Desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo poñen en valor, ademais da calidade das instalacións e do profesorado, o desenvolvemento de actividades complementarias. No eido das prácticas, destacan os plans de carreira existentes con cadeas hoteleiras internacionais, como RIU Centroamérica, Palladium, Ritz-Carlton, Hotusa e Paradores. 

O centro, indican, realiza “unha continua aposta pola mellor formación integral do alumnado e a súa integración no mercado laboral, presentando propostas para mellorar as súas competencias”. Ademais, recalcan a aposta pola internacionalización, con iniciativas  como a posibilidade de obter a dobre titulación de Turismo-Turismo de Cruceiros coa universidade alemá de Bremerhaven; a rede Erasmus con máis de 80 universidades europeas, e iniciativas como a International Week ou Joint Seminars, con profesorado e alumnado estranxeiro.

En primeira persoa: catro ex alumnos que están traballando no sector hoteleiro

Entre as persoas que realizaron este Grao en Turismo están Andrea García, egresada en 2017 e traballando en Madrid, na empresa NH Hotel Group. “Estudar Turismo foi a mellor decisión. Eu tiña claro que quería estudar Turismo e irme a Ourense; facelo foi incrible, xa que nesta facultade fante sentir como na túa casa, tanto os compañeiros como moitos dos profesores”, sinala. Este grao, engade, “abre moitas portas laboralmente”.

A piques de rematar esta titulación pero xa traballando no Hotel Hard Rock de Eivissa está Lucía Garza. “A proximidade ao meu lugar de residencia, a obrigatoriedade de cursar dúas linguas estranxeiras, as prácticas en cadeas de gran relevancia no sector turístico e as actividades interculturais como a International Week foron as principais razóns que me levaron a escoller esta facultade”, lembra.

“Aos que están indecisos de mudarse a Ourense, que non o dubiden. É a mellor cidade para estudar o Grao en Turismo, polo grande equipo de profesores que hai, polos espazos abertos dos que temos sorte de gozar no campus, polo ambiente da noite ourensá, pola vida cultural da cidade e tamén pola calidade de vida en canto aos prezos”, engade Iria Juncal, egresada en 2017 e traballando no Hotel Quinta da Auga de Santiago de Compostela.

Por último, Felipe Barcala, tamén a piques de rematar o grao e traballando xa no Hotel RIU en Costa Rica, pon en valor o carácter versátil deste grao, xa que, indica, “ten un pouco de números, un pouco de idiomas, un pouco de historia, de cultura e de patrimonio”. A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, comenta, “é dinámica, danche facilidades e o profesorado é moi próximo”; destaca. Ademais, “as prácticas curriculares fíxenas nun hotel en Berlín e despois entrei en RIU polo convenio que teñen coa facultade, polo que penso que non só as intencións da facultade son boas senón que moi acertadas”. 

Te puede interesar