A Mioteira: a capital do Nadal ourensán que só ten 50 veciños

Un espectáculo de música e luz, neso se converte a aldea da Mioteira, en San Cibrao, en decembro. Os seus veciños decoran as súas casas para ser parada obrigada para os “nadaleiros”

Como cada ano por estas datas, hai unha pequena aldea do concello de San Cibrao que se convirte na capital do Nadal ourensán: A Mioteira. Segundo as estatísticas oficiais, este pequeno núcleo conta con 56 veciños, pero a gran maioría participa dunha celebración que xa se converteu nunha tradición para os máis “nadaleiros” da provincia. En cousa de tres rúas, o alarde de abelorios impresiona. Todas as casas están decoradas para a ocasión, e o enxeño agudízase para tratar de superar cada ano a decoración do anterior.

Cóntanse por centos as persoas que cada ano deciden achegarse á Mioteira a pasar unha tarde en familia, desfrutando do espectáculo de, como diría un ilustre “nadaleiro”, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, “música y luz”, pero en pleno rural ourensán.

Unha das casas decoradas na Mioteira
Unha das casas decoradas na Mioteira

Os veciños, que non lle teñen medo á factura da luz, abren as portas das súas casas para que os visitantes se enchoupen da experiencia. Nunha delas hai un Belén xigante que deixa abraiados aos que o contemplan. “Tiñan que poñer un bote para donacións, que facer todo isto dá moito choio”, escóitase entre os curiosos. Noutra vivenda hai un trineo a tamaño real colocado xunto a un cartel que reza “A Mioteira, bo nadal”. Nesta mesma casa hai un pequeno casetiño todo decorado de obxectos de nadal e que simula a casa de Papá Noel. Noutra casa pódese atopar o que a simple vista parece un tren, pero que está feito por caixas de refrescos cheas de regalos.

Ademais, nos últimos anos, esta celebración pasou máis alá dos veciños. En todo evento de Nadal non poden faltar os churros con chocolate, polo que xa hai unha churrería instalada na aldea durante todo este período e que ten moito éxito entre os visitantes. Incluso, para os máis cativos, hai unha pequena atracción de feira para que poidan redondear unha tarde diferente en familia.

El cierre de una casa totalmente iluminado
El cierre de una casa totalmente iluminado

Te puede interesar