ENTREVISTA

Xulio Rodríguez: “O museo está pechado, pero non a institución, que está viva e se volca en chegar á sociedade"

Ourense. 19-05-15. Local. Visitas guiadas e presentación das propostas arquitectónicas para a restauración do museo arqueolóxico de Ourense. Na foto Xulio Rguez e demais autoridades e técnicos na presentación das propostas
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Xulio Rodriguez é optimista despois do acordo político.

O director do Museo Arqueolóxico de Ourense espera que esa iniciativa prospere, que se amplíe esa partida orzamentaria

Que lle parece o paso dado polo Concello nesta reivindicación?

Eu o entendo coma unha forma de facer política con maiúsculas, no sentido de que o alcalde tivo a capacidade de liderar ese movemento e o resto dos partidos deixaran aparte as liortas partidistas en pro dunha institución cultural tan importante para Ourense como é o Museo. Esperamos que esa iniciativa prospere, que se amplíe esa partida orzamentaria e que en anos vindeiros se aumenten as inversións para acurtar os prazos de execución da obra.

Louva vostede que o Concello se implique malia non ter competencia directa do Museo. Bota en falla un apoio similar dalgunha outra institución?

O feito de que Jesús Vázquez fose anteriormente conselleiro de Cultura dá a entender que coñece ben a problemática. O Museo é unha infraestrutura moi importante para a cidade, e entendo que o Concello teña interese en que estea funcionando. A situación é a que é, vén dada así e se no seu momento fumos capaces de sacar adiante un proxecto, agora temos que sacar forzas para que este sexa unha realidade.

Tivo algunha vez un compromiso verbal do Ministerio para o inicio das obras?

Eu manteño o contacto coas administracións, pero os compromisos só son que aparezan reflectidos nos Orzamentos do Estado, e non só iso, senón tamén que se cumpran. O que ten que pasar é que se destine o que se ten que destinar, e que ese gasto se faga.

En que estado se atopa o Museo agora mesmo?

O edificio non está en mal estado; está pechado ao público, pero non abandonado. En determinadas datas, o Museo abre ao público para ensinar o edificio emblemático que é. Por sorte, dende que pechou non se degradou fisicamente, por sorte. Independentemente diso, como institución, o Arqueolóxico segue a funcionar. Continúan actividades como a 'Peza do mes' e recentes exposicións sobre Parada Justel ou o Padre Feijoo, e tamén está o traballo de catalogación, que segue a pesar da problemática de non contar cunha sede que lle dea visibilidade.

Como director, como leva este longo peche a nivel persoal?

Non é unha situación fácil, pero o único que hai que facer é redobrar esforzos e facer cumprir as funcións que nos encomenda a sociedade. Isto correspóndeme a min como director, pero tamén aos nosos 20 traballadores. O edificio está pechado, pero non a institución, que está viva e se volca nas novas tecnoloxías para chegar á sociedade.

Te puede interesar