A obra de Acisclo Manzano lembra ós represaliados da Universidade de Santiago

LR- Siluetas escalonadas nunha espiral de ferro cortén. Esa é a materialización escultórica coa que o artista ourensán Acisclo Manzano, elexido pola Universidade de Santiago, rende homenaxe aos represaliados trala Guerra Civil.

Sen ánimo de caer nun espírito ’panfletario’, Acisclo Manzano ten claro quen son os protagnonistas da súa última creación escultórica, que se inaugura hoxe nunha praza do campus universitario de Santiago de Compostela: ’os que nos educaron na libertade e loitaron por ela’. A obra, realizada en ferro cortén, está dedicada aos represaliados da Universidade de Santiago (USC) entre os anos 1936 e 1942 (’para que non volva a ocurrir’, como reiterou Acisclo), e pecha os actos organizados polo Reitorado en memoria das vítimas (tanto profesores como alumnos e persoal) dos procesos depuradores comezados na Guerra Civil.

 Resultado de 40 anos de traballo, o novo grupo escultórico supón un ’remuíño cheo de anxos e protectores da sapiencia que representan a eses homes e mulleres que, cos pés na terra, conseguiron chegar ata o ceo’. O escultor ourensán, satisfeito polo resultado final ’aínda que, en principio, ía ser o doble de alta’ (as dimensións finais son de catro metros de altura e 15 de  diámetro), estáo sobre todo polo feito de que gozar da oportunidade que lle brindou a USC, completando un proxecto arquitectónico truncado tamén polos escuros anos da guerra. De feito, a escultura sitúase entre os colexios maiores que xa existían na época, no centro do espazo coñecido como Residencia e promovido na época da II República seguindo a estela da mesma Residencia de Estudantes madrileña.

 O vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, resaltou a ledicia das familias dos homenaxeados, e defendeu a necesidade deste tipo de actos de vindicación histórica. ’Unha sociedade democrática ten que recoñecerse no seu pasado’, indicou, situando a homenaxe na ’lóxica dos dereitos humanos’ e na ’dignificación das vítimas’. Dos represaliados da universidade compostelana, só dúas persoas permanecen aínda vivas: Francisco Fernández del Riego e a profesora Antonia Ferrín.

 O conxunto escultórico compétase cunha estrutura que permite iluminar á obra, e que na súa parte superior reproduce a estrela dos asentos do paraninfo da universidade (’que ocuparon os represaliados’). O lema impreso nela evoca firmemente o espírito da obra: ’Vae victis’.

Te puede interesar