PRESENTACIÓN DE ACTIVIDADES

Obradoiros para todos en Montealegre

A través desta programación, o Concello pretende facer do Parque de Montealegre "un dos espazo de lecer de referencia para todos os ourensáns"

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, presentou esta mañá no Parque Botánico de Montealegre as actividades programadas pola Concellería de Medio Ambiente para este outono, dirixidas tanto a nenos como a adultos. Na presentación estiveron presentes José Manuel Corbal, coordinador do parque; e José Méndez, xerente da empresa Bruma, que realiza estas actividades.

A programación está composta por obradoiros cos que se pretende fomentar o Parque de Montealegre como "un dos espazo de lecer de referencia para todos os ourensáns". De feito, o alcalde abundou en que estas actividades pretenden conxugar a educación e o contacto coa contorna natural que nos rodea. “En definitiva, con estas actividades pretendemos concienciar sobre a importancia do Medio Ambiente e dos nosos recursos naturais, poñendo en valor un enclave municipal que é unha referencia para todos os ourensáns”, sinalou Jesús Vázquez.

“Este goberno municipal ten como un dos seus grandes obxectivos o coidado, mantemento e aproveitamente dos recursos propios do Concello. Así o estamos a demostrar con estas actividades ou coa posta en marcha, de novo, do Viveiro Municipal, recuperando así unha instalación abandoada que hai anos foi un referente no cultivo e coidado das prantas ornamentais. Ambas instalacións terán unha conexión operativa, co fin de acadar de Ourense unha cidade máis sostible no ámbito medioambiental”, recalcou o alcalde.

As actividades infantís son:

Día do Samaín: 24 de outubro de 17:00 a 19:00 e 25 de outubro de 11:30 a 13:30.

Ioga en familia: 8 de novembro e 13 de decembro de 11:30 a 13:30.

Elaboración de calendarios de advento. 22 de novembro de 11:30 a 13:30.

Conta contos: as árbores do xardín contan historias sen fín: 06 de decembro de 11:30 a 13:30.

Elaboración de adornos de Nadal: 20 de decembro de 11:30 a 13:30.

As actividades e cursos de adultos son:

Plantas aromáticas e oleatos. 6 e 7 de novembro de 16:00 a 18:00.

Introducción á xardinería. 20 e 21 de novembro de 16:00 a 18:00.
Elaboracion de marmeladas, conservas e licores: 4 e 5 de decembro de 16:00 a 18:00.

Agricultura ecolóxica. 11 e 12 de decembro de 16:00 a 18:00.

Cosmética natural. 18 de decembro de 16:00 a 18:00.

Elaboración de velas. 19 de decembro de 16:00 a 18:00.

Todas as actividades son gratuitas e as prazas limitadas por orde de inscripción,que se poden formalizar na web www.botanicodemontealegre.com ou no teléfono da Concellería de Medio Ambiente 988 388 135.

Te puede interesar