Educación

A oratoria, a materia de libre elección que máis gusta ao alumnado

Educación financeira, oratoria, xadrez, programación ou antropoloxía son algunhas das materias ofertadas

Un total de 660 alumnas e alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato da provincia de Ourense cursan as materias de libre configuración autonómica-un dos bloques de distribución das asignaturas, xunto coas troncais e específicas- propostas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o curso 2015-2016, ao abeiro da implantación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).


Por etapas educativas, en ESO impártense educación financeira, con 47 matriculados na provincia; investigación e tratamento da información, con 133; oratoria, que acada os 140; paisaxe e sustentabilidade, con 44, programación, con 54; promoción de estilos de vida saudable, que ten 114 inscritos; e xadrez, que cursan 59 alumnos e alumnas. No referido ao Bacharelato, antropoloxía rexistrou 54 matriculados e robótica conta con 15.


A maiores destas materias, cada centro educativo puido ofertar as súas propias para completar o horario lectivo, tanto en Primaria como na ESO e Bacharelato.
Segundo a consellería de Educación, o obxectivo é ofrecer aos centros de ensino unha maior autonomía á hora de compoñer e axeitar a súa oferta educativa ás necesidades de reforzo de materias que perciben no seu alumnado. 

Te puede interesar