Ourense recibirá 1,5 millóns para os plans xerais dos concellos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas destinará case 1,5 millóns de euros en axudas a entidades locais da provincia de Ourense para axudarlles na redacción do planeamento urbanístico. Compre indicar que este importe increméntase en 973.941 euros, ao pasar de 516.532 euros en 2009 ata os 1.490.473 euros que se distribuirán entre os concellos ourensáns ao longo do presente ano.
Segundo os datos presentados polo departamento que dirixe Agustín Hernández, o importe para o 2010 forma parte dunha nova orde de axudas dirixidas aos concellos galegos para impulsar a redacción dos plans xerais e a súa adaptación á Lei do Solo, que será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos vindeiros días. Esta liña de incentivos axudará a estabilizar a situación de planeamento dos municipios da provincia.

Na actualidade, un total de 15 concellos ourensáns contan con PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) adaptados á Lei 9/2002 (34,8%); 42 municipios (21,3%) dispoñen de diferentes tipos de planeamento (PXOM non adaptado, plan xeral de ordenación urbana, normas subsidiarias de planeamento...) e 35 non contan con ningún tipo de planeamento (46,6% ).

Na totalidade da comunidade, as subvencións sumarán 10 millóns de euros que, engadidos aos 18,9 millóns de euros das anualidades en curso de axudas aprobadas en exercicios anteriores supoñen que os municipios galegos dispoñen de preto de 30 millóns de euros para redactar ou actualizar os seus instrumentos de ordenación municipal.En Galicia, só existen 43 concellos que teñen o PXOM adaptado á Lei do Solo de 2002, 197 municipios dispoñen de diferentes tipos de planeamento e 75 non teñen ningunha figura.

Te puede interesar